Comeza na Coruña GsickMinds acubillando a primeira plana da seguridade TIC mundial

martes, 28 de outubro do 2014 Fernando Sarasketa

O Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (PALEXCO) acolle esta semana (entre o mércores 29 e o venres 31) a sexta edición de GSickMinds, congreso organizado polo Grupo de Seguridade da Información da Coruña (GSIC) e destinado, en liñas xerais, a fomentar e impulsar o talento dos nosos profesionais en materia de protección e salvagarda dos datos e, tamén, compartir coñecemento e experiencia para loitar contra as vulnerabilidades actuais da información. Entre os relatores hai profesionais destacados de empresas como Yahoo!, Google, Microsoft, Apple, Salesforce, Mozilla ou British Telecom. Segundo nos conta a organización, entre estes especialistas en seguridade TIC hai tres talentos galegos (Ángel Prado, Jesús Pérez ou Diego Ferreiro) formados na Facultade de Coruña e que están a traballar en EE UU en empresas de primeiro nivel como Salesforce ou Filterly.
Á cita, engaden os responsábeis do encontro, acudirán os mellores investigadores nacionais e internacionais en materia de salvagarda da información e JavaScript, que compartirán a súa bagaxe profesional e os seus achados con profesionais e estudantes vencellados ás novas tecnoloxías. Este fluxo de coñecemento materializarase a través de charlas e obradoiros sobre as principais problemáticas actuais da protección TIC, sobre as grandes eivas das redes e os sistemas informáticos e sobre as posíbeis solucións que se poden adoptar para salvagardar a integridade e confidencialidade dos activos dixitais.
Segundo engade a organización das xornadas ao respecto dos porqués de desenvolver e convocar un evento coma este, “hoxe en día a seguridade da información é unha das maiores preocupacións para as empresas, os gobernos e os usuarios de todo o mundo, é por iso que o GSIC aposta por potenciar o talento para traballar nesta arte misteriosa e favorecer o desenvolvemento de sistemas de información seguros, asesorando ao sector privado e á rede de universidades españolas”. Entre os profesionais que participarán nos encontros atópanse (entre outros) Javier Rodríguez do GDT (Grupo de Delitos Telemáticos), Alberto Pastor de Mozilla, John Buchanan de Salesforce, Caridy Patiño de Yahoo! ou Marc Rivero de Seifreed.es.

PUBLICIDADE