Comeza este xoves en Ribeira unha nova edición da party Uxíanet

mércores, 30 de outubro do 2013 Redacción

Estes días, para quen queira un xeito tecnolóxico de pasar a ponte do 1 de novembro, dicirlle que ten unha festa informática pola beira de Barbanza, máis polo miúdo en Ribeira. Falamos da Uxíanet, unha xuntanza que este ano esténdese ao longo de catro xornadas (comeza esta xoves 31 de outubro e abrangue toda a ponte e a fin de semana) e que entre os seus pratos fortes, achéganos a posibilidade de estarmos conectados a Internet a través dunha rede de 100 Mbps e unha conexión entre computadores de 1000 Mbps, co fin de facilitar ao máximo o fluxo de información duns usuarios a outros. Segundo nos contan os organizadores, esta edición da Uxíanet será na Casa da Xuventude, ao carón do Colexio Galaxia.
Para quen pense que estamos ante unha xuntanza onde só importa estarmos conectados, dicirlle que dende o xoves pola tarde até o domingo pola mañá desenvolverase un máis que completo programa de charlas e obradoiros xirando arredor das múltiples cuestións das novas tecnoloxías e a difusión científica (crowfounding, coworking, achegamento á astronomía, Java, Android, Arduino, Raspberry, etc).
Tamén darán a coñecer as súas actividades varios colectivos locais e galegos, como por exemplo a Asociación Airsoft Mercenarios do Barbanza, a Asociación Naronesa de Esgrima Antiga ou a Asociación Ceo Barbanza (un colectivo ligado á astronomía que, segundo fixo saber, fará todo posíbel por introducir aos asistentes no estudo e contemplación do espazo coa axuda dunha serie de telescopios de seu que estarán habilitados no teito do recinto). A xuntanza informática vén da man da asociación Birus, cuxos membros achegaron para esta nova edición un total de setenta prazas (arestora xa cubertas, mentres se redactaba este texto, aínda que a marxe de acollemento de posíbeis asistentes é flexíbel e a organización tentaría de facerlle sitio a quen se deixase caer pola Casa de Xuventude estes días). Segundo informa Birus, os internautas tamén terán a oportunidade de participar en diversos xogos e competicións (coches virtuais, torneos deportivos na Rede, xogos de guerra, etc), para os que teñen preparados unha serie de agasallos cedidos polas firmas locais colaboradoras do certame.

PUBLICIDADE