Comeza en maio o novo programa de almorzos tecnolóxicos da Tecnópole

martes, 3 de maio do 2016 Redacción

A Tecnópole vén de anunciar o comezo dos seus almorzos tecnolóxicos, que terán unha duración de seis meses (un almorzo ao mes) e celebraranse no 3º andar do Edificio CEI. O primeiro levarase a cabo o vindeiro mércores 11 de maio (de 9 a 10 horas) e xirará arredor de como tirarmos proveito os datos masivos para “vender máis e mellor”. Os almorzos tecnolóxicos xorden coa idea de fomentar a competitividade das empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e dos grupos de investigación que traballan nos diferentes centros tecnolóxicos instalados no parque ourensán a través da promoción da súa tecnoloxía e o fomento da colaboración a través de intercambio de coñecementos tecnolóxicos, ou ben de compra-venda de tecnoloxía ou dos servizos que se emprestan mediante esa tecnoloxía.
E a quen van encamiñados estes almorzos? Pois o público obxectivo serán as propias empresas do parque (entidades a promocionar) e as empresas situadas no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
O que se persegue coa posta en marcha desta proposta é que os participantes se coñezan entre si e expresen os seus intereses e áreas tecnolóxicas nas que traballan relacionadas co tema exposto de cara a posíbeis colaboracións cos presentes no futuro. Previo á xornada, as empresas fan unha pequena rolda de presentación co obxecto de fomentar a iteración entre elas facendo fincapé nas novas achegas da Tecnópole.
Cómpre dicir que froito dos almorzos sairá un catálogo con periodicidade semestral en formato dixital que dará a coñecer as tecnoloxías innovadoras realizadas polas empresas presentadas en cada edición.

Programa de actividades

  • Mércores 11 de maio de 9 a 10 h. – Como aproveitar o big data para vender máis e mellor. Andrés Mazaira socio fundador de Bridge Mediatech e profesor de mercadotecnia e organización de empresas da Universidade de Vigo.
  • Mércores 15 de xuño de 9 a 10 h. – Pensar en Galicia, ensamblar en China.
  • Mércores 13 de xullo de 9 a 10 h. – Envasado de alimentos.
  • Mércores 14 de setembro de 9 a 10 h. – Axustes fiscais na conta de explotación de cara a Facenda.
  • Mércores 19 de outubro de 9 a 10 h. – Canto custa a miña marca?
  • Mércores 23 de novembro de 9 a 10 h. – Posibilidades para a túa empresa da impresión 3D.

PUBLICIDADE