Comeza en Lugo a cuarta edición do Concurso Galego de Robótica

luns, 16 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

IGACIENCIA, institución galega para o impulso da investigación e o achegamento á sociedade dos froitos (moitos) desa investigación nos máis variados eidos do coñecemento, infórmanos da apertura, este luns 16, da cuarta edición dun certame que é en si mesmo unha ollada ao futuro da intelixencia artificial. Falamos do IV Concurso Galego de Robótica, que se celebra no CEI Nodus de Lugo e que ten continuidade os días vindeiros. Por certo que este martes 17, ás 12 horas, no salón de actos do edificio devandito, procederase a presentar oficialmente un evento no que van participar uns 700 alumnos e profesores de toda a xeografía galega.
Segundo nos conta o presidente de IGACIENCIA, Manuel Díaz Regueiro, a experiencia da que estamos a falar veu precedida por tres edicións da actividade A maxia da robótica, que se desenvolveu en Lugo, Santiago e Burela coa colaboracións de cada un dos Concellos e que este ano dá o chimpo ao CEI-Nodus da man da Fundación Barrié (a través da iniciativa educaBarrié), co apoio do Concello e a Deputación de Lugo e co gran obxectivo de acadar aínda máis seguimento e repercusión na sociedade galega. Máis polo miúdo, lémbranos Manuel Díaz, o que se pretende con esta cuarta achega é aproximar a xente nova e a cidadanía en xeral ao mundo da robótica, facendo o posíbel por ceibalo de atrancos de entendemento e comunicación e buscando salientar a gran importancia que ten para o noso futuro, sobre todo de cara a cuestións como a mellora da calidade de vida das persoas (con especial incidencia nos cidadás dependentes ou con diversidades funcionais ou motrices), na loita contra doenzas ou na busca de meirande sustentabilidade enerxética e optimización laboral.
Con esta finalidade divulgativa, no evento achégase, entre outras cousas, a posibilidade de participar en grupo na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO. “De maneira sinxela e divertida o alumnado participante familiarizarase cos robots e tamén coa linguaxe da robótica”, infórmase.
Por certo que para formar parte activa deste obradoiro, engádese, non é necesario ter coñecementos en programación electrónica, “pois a electrónica está integrada nun ladrillo intelixente e a programación realízase nun contorno visual sinxelo para que ata os máis pequenos poidan construír e deseñar os seus robots dando paso despois da montaxe á parte de programación”. Ao tempo que se pretende que sintan a paixón pola aprendizaxe, os rapaces e rapazas participantes intégranse nun grupo no que deben compartir obxectivos e realizar un traballo colaborativo para poder resolver as tarefas que se lles propón pois, ao longo da experiencia, presentaránselles varios desafíos que deben resolver. Ao remate do obradoiro, de dúas horas de duración, cada grupo terá acadado un número de puntos que lle permitirán optar aos premios do IV Concurso Galego de Robótica 2012. Esta proposta está dirixida aos estudantes de educación secundaria e aos de terceiro ciclo de primaria dos centros educativos de Galicia. Cada quenda terá un máximo de 40 estudantes que virán acompañados polo menos por 2 profesores ou profesoras.
Datas e horario
Obradoiro. Do día 16 ao 20 de abril de 2012, de 9 h a 14 horas e de 16 a 18 horas, para visitas concertadas.
Entrega de premios. Día 21 de abril de 2012, ás 12 h para os equipos gañadores

PUBLICIDADE