Comeza a facer ruído a terceira entrega do Congreso #InLugo

venres, 17 de abril do 2015 Redacción

Haberá terceira edición do Congreso #InLugo, e será de novo na Cidade de Muralla. Así nolo confirmou este venres a Deputación de Lugo, que definiu o evento como “un xeito de converter a cidade nun centro de referencia da cultura dixital e as redes sociais a través dun encontro que xa é o máis importante de Galicia sobre as devanditas temáticas, e un dos máis destacados a nivel estatal”. A vindeira entrega do foro, que será novamente de balde e para todos os públicos, desenvolverase no Pazo de San Marcos os días 8 e 9 de maio. Contará coa presenza de 30 persoeiros de renome en materia de comunicación TIC, como Ignacio Escolar, Andrés Milleiro, Víctor Tasende, Juan García ou Roberto Carreras.
A vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, presentou este venres 17 a terceira convocatoria deste encontro nacido “co obxectivo de fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual”. Segundo salientou a vicepresidenta, “a Deputación leva oito anos apostando polas TIC como elemento motor de desenvolvemento, e un encontro tecnolóxico das características deste é, ademais, un escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia e Galicia”.
Na presentación tamén se fixo reconto polos froitos e repercusións acadados polo congreso nas redes sociais. Segundo engadiron, a xuntanza vén conseguindo en cada entrega ser trending topic en Twitter, “o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense”.
O congreso contará cunha “ampla programación”, con debates e relatorios nos que expertos procedentes de todos os recantos da xeografía estatal avaliarán “os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está a provocar Internet na sociedade actual”. Todo isto baixo a óptica de cuestións como a seguridade en liña, o dereito na Rede, a mercadotecnia dixital ou a repercusión das comunidades 2.0.
Polo congreso pasará, como dixemos, Ignacio Escolar, ex director de Público e na actualidade director de eldiario.es, que será o encargado de abrir o evento. Na conferencia compartirá a súa experiencia liderando os ditos xornais de referencia e reflexionará sobre os desafíos que afrontan os medios nun panorama de comunicación completamente novo. Na cita tamén participarán David Varona (@davarona), redactor xefe de proxecto, participación e social media en RTVE; David Lombao (@davidlombao), director do xornal dixital Praza Pública; Andrés Milleiro (@juanmilleiro), director de Social Media de NH Group; ou Víctor Tasende (@victortasende), deportista e blogueiro. Segundo fai saber a organización, o cadro de relatores irase ampliando ata completar unha listaxe de preto de 30 nomes, cuxo perfil e traxectoria irase desvelando nos vindeiros días na páxina web oficial do congreso e as redes sociais do evento, Facebook e Twitter. O programa completarase coa presentación en detalle de casos de éxito empresarial ou social relacionados coa Rede, facendo fincapé naqueles que teñen a súa orixe na provincia de Lugo e en Galicia. Ao fío disto, pasarán polo congreso Idoia Cuesta, artesá vasca establecida na provincia que vén de recibir o Premio Nacional de Artesanía; e varios proxectos lucenses máis.
Como peche ao congreso realizarase a tradicional entrega dos Premios InLugo, convocados coa intención de recoñecer o labor e o empeño posto por empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital, conta con catro categorías: Comercio, Ocio e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía.
As persoas interesadas en optar a estes premios deberán presentar as súas candidaturas a partir do 23 de abril, até o vindeiro 5 de maio ás 20:00 horas na páxina web inlugo.com. Unha vez finalizado este prazo, un xurado técnico será o encargado de valorar as candidaturas recibidas e elixir o gañador de cada categoría. A cerimonia de entrega dos galardóns celebrarase ás 19:30 horas do 9 de maio.

PUBLICIDADE