Comeza a conta atrás para que a Arroutada Party abra as súas portas

mércores, 9 de setembro do 2009 Raquel Noya

O persoal responsable do acondicionamento do Coliseo da Coruña, ten xusto un mes de prazo, dende hoxe, para equipar as súas instalación e preparalas con todo o necesario para celebrar un maratón informático de primeira categoría: a Arroutada Party, que terá lugar na cidade herculina do 9 ao 12 de outubro.
O mesmo que teñen de prazo (para ir preparando os seus equipos e os seus dispositivos de almacenamento) as persoas interesadas en participar neste evento, que este ano celebra a súa decimosexta edición e que non vai deixar a ningún participante con mal sabor de boca.
Os organizadores da festa teñen previsto que ao longo de catro días de intensa actividade, os asistentes disfruten á súa maneira de todo o que a tecnoloxía pode dar de sí, a través de obradoiros, campionatos, demostracións, concursos, videoxogos… que se completarán con actividades en torno ao software libre e ao Scene, o movemento social dos artistas informáticos, que tamén se dará cita neste evento.
A rede deste ano, ao igual que na anterior edición, será cedida pola empresa Circo Systems, e de novo, este festa informática contará cunha conexión a Internet simétrica e de calidade.
No tocante á extranet, unha das áreas máis visitadas polas persoas alleas á party en sí, este ano estará composta por varias consolas con xogos, un futbolín, unha mesa de ping-pong e varias mesas con cartas, sobre todo con vistas a que os participantes “poidan descansar un pouco de tanto ordenador e consigan un anaco de lecer”.
A asociación AMIGA (Asociación da Mocidade Informática Galega) da Coruña, a organizadora deste evento, constituiuse no ano 1997 co obxectivo de “demostrar que os ordenadores non son simplemente ferrallos de oficina”; dende entón esta entidade non deixou de traballar en prol da difusión das novas tecnoloxías e Internet por toda a sociedade (en especial da máis moza) facendo especial fincapé (e isto é moito de agradecer) na extensión do galego dentro deste sector.

PUBLICIDADE