Cien años de soledad estréase mañá no ciberespazo en formato de libro electrónico

luns, 5 de marzo do 2012 Raquel Noya

Mañá martes, 6 de marzo, o creador de Cien años de soledad cumpre 85 anos, un aniversario que os amantes da literatura e das obras de Gabriel García Márquez celebraremos de xeito moi especial por coincidir ademais cos 45 anos da publicación desta obra mestra, cos 60 anos do seu primeiro conto (La tercera resignación), cos 30 de recibir o Premio Nobel e cos 10 de ter comezado a publicar as súas memorias, Vivir para contarla.
Porén en Código Cero non nos facemos eco desta nova porque sexamos fans do escritor colombiano, que tamén, senón porque foi a data escollida para subir á Rede a primeira edición de Cien años de soledad en formato de libro electrónico, que ademais sairá coa portada orixinal da primeira vez: un galeón na selva colombiana.
A achega virá da man da súa amiga e axente literaria, Carmen Balcells, e chegará as librarías virtuais só en español, pois segundo lemos nas páxinas de El País, a axente literaria non vai autorizar, en principio, ningunha máis noutro idioma pois afirma que “o libro electrónico é un mercado sen fronteiras e todo se fará de vagar”. “Non se pode entrar nese delirio do mundo da edición contribuíndo ao nerviosismo que o circunda”, engade.
Malia que se trata xa da cuarta obra de García Márquez que se publica en edición electrónica, (pois xa existen neste formato Relato de un náufrago, Todos los cuentos e Vivir para contarla, da editorial Leer-e) o certo é que esta será unha publicación moi especial, na que se “extremaron as atencións no trasvase do texto ao dixital”, afirma o director da editorial, Ignacio Latasa.
A publicación virtual, que custará 5,99 euros, sairá para Kindle e en formato estándar de Epub, válido para diferentes dispositivos, incluídos os de Apple.

PUBLICIDADE