Chuza! organiza un certame de aplicacións de software libre

mércores, 23 de abril do 2014 Marcus Fernández

Chuza! en colaboración co Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) están a organizar o I Certame de Aplicacións de Software Libre Chuza!, que busca contribuír ao desenvolvemento tanto da páxina web de Chuza! coma do tecido de aplicacións de software libre galegas.
A este certame poderanse presentar aplicacións de software libre relativas á cultura ou á sociedade galega, podendo ser tanto unha aplicación independente como unha mellora aplicada á páxina web de Chuza!, optando así a facerse cun primeiro premio de 250 euros ou a un par de accésits de 50 euros e/ou material. Valorarase o correcto emprego do paradigma de programación escollido, o emprego de patróns de deseño coherentes e xustificados, a accesibilidade da aplicación, a claridade do seu código e os principios básicos da programación orientada a obxectos e o deseño.
A recepción de traballos para este certame desenvolverase ata o 15 de outubro, elixíndose ao gañador como máximo un mes despois de tal data.

PUBLICIDADE