Chuwi HiBox, un mini-ordenador que funciona con Android e Windows

luns, 5 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Para que queira un mini-ordenador, tanto para usos ofimáticos lixeiros como para empregalo como reprodutor multimedia de salón no que poder gozar dos contidos en liña en pantalla grande, dende Chuwi están a comercializar un interesantísimo equipo: o Chuwi HiBox. Falamos dun ordenador cunhas dimensións de só 12 x 12 x 2,5 centímetros que agocha no seu interior un procesador Intel Z8350 (ou sexa, un Atom X5) de 4 núcleos a 1,44 GHz, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 128 GB), Wi-Fi N de dobre banda, Bluetooth, Gigabit Ethernet, tima de auriculares, saída HDMI, 2 portos USB 2.0, 1 porto USB 3.0 e toma de auriculares.
Pero para moitos o máis importante deste ordenador de reducido tamaño é que carece de ventilador (ou sexa, que ten un comportamento silencioso, o que agradécese á hora de empregarse no salón), así como o feito de que vén con figurado con arranque dual, de xeito que pode alternarse entre os sistemas operativos Windows 10 e Android 5.1, de xeito que combina a versatilidade dun ordenador coa enorme cantidade de xogos e aplicacións orientadas ao audiovisual que ten Android.
Amais, o equipo inclúe un mando a distancia con funcións de Air Mouse, ou sexa, que facilita un control semellante ao do mando da Wii para poder mover o cursor en pantalla sen precisar dunha superficie de apoio para o accesorio.
Resulta evidente que non estamos ante un equipo de grande potencia, pero será dabondo para levar ao televisor infinidade de aplicacións, servizos de vídeo baixo demanda e moitas outras funcionalidades, no caso de que queiramos empregalo no salón, aínda que tamén ten o seu aquel para a súa colocación nun monitor para ter unha especie de todo-en-un económico (xa que o HiBox pode colocarse na parte traseira da pantalla, resultando practicamente invisible). Pero o mellor deste equipo é posiblemente o seu prezo, xa que neste momento pode adquirirse por menos de 130 euros, o que é un prezo axustadísimo para un produto que fai moi doado acceder a aplicacións de escritorio informático tradicional e a moitas outras aplicacións ás que estamos afeitos en smartphones e tabletas (en moitos casos máis aptas para o televisor que as pensadas para ordenadores).

O Chuwi HiBox pode resultar práctico para montar un equipo informático de sobremesa moi compacto

PUBLICIDADE