Chega este martes a Baiona o espectáculo Smart

martes, 23 de agosto do 2016 Redacción

Podemos facer o parvo cun dispositivo smart? Pois si, e de moi diferentes maneiras malia que semelle unha contradición en si mesma (o termo smart por unha banda e “facer o parvo” pola outra). Visualizar unha parte importante delas en clave de humor é o leit motiv da obra que teatral que se representa hoxe en Baiona, unha peza sen palabras da que falamos en Código Cero con motivo da súa estrea e que fai fincapé en como as veces os recursos avanzados de comunicación poden servir, se os usamos mal, en incomunicación, alienación ou idiotización.
A obra en cuestión, titulada Smart, como un teléfono intelixente pode converterte nunha idiota escenifícase este martes ás 23.00 horas na Praza do Concello de Baiona, ao abeiro do ciclo Bai en familia e da man da Concellería de Cultura.
Segundo se reflicte dende este departamento, Smart é é unha comedia sen palabras arredor do mundo das aplicacións móbiles. O argumento é o seguinte: tres pallasas enganchadas ao seu smartphone acoden a unha clínica de rehabilitación para superar a súa adicción. Desorientadas e sen o seu móbil, terán que aprender de novo a comunicarse e a vivir sen estar aferradas ao celular. Ou sexa, terán que aprender a relacionarse de novo analoxicamente.
As tres pallasas están interpretadas por Natalia Outeiro Pajarito, Akira Valero, e Marta Iglesias. Esta comedia sen palabras, dirixida por Antón Coucheiro, é unha sátira social sobre os nosos comportamentos fronte á tecnoloxía.

PUBLICIDADE