Chega ao CiTIUS a edición galega do concurso A túa Tese en 3 minutos

venres, 24 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Da man do CiTIUS, centro da Universidade de Santiago especializado no eido das novas tecnoloxías da información, chéganos este venres a edición galega dunha interesante actividade para os estudantes e/ou investigadores que queiran adquirir as máximas habilidades en materia de comunicación e explicación dos seus respectivos traballos de intelixencia computacional (xa que amais de innovar e investigar, tamén é importante informar axeitadamente deste labor). A iniciativa é en realidade un concurso e preséntase baixo o seguinte epígrafe: A túa Tese en 3 minutos. A través dela, premiarase o compromiso a prol da divulgación científica dos nosos investigadores. A entidade responsábel da súa posta en marcha é a Rede Ática (Rede Temática Española para o avance e a transferencia da intelixencia computacional aplicada), que vai presentar a vertente galega do certame no CiTIUS o vindeiro venres 31.
O encargado de expoñer as bases do concurso será Alberto Bugarín, membro da coordinadora da Rede Ática e investigador adscrito ao devandito centro, nunha presentación dirixida a calquera investigador interesado en concorrer neste certame. O proxecto diríxese, en palabras do CiTIUS “a estimular as aptitudes comunicativas dos mozos investigadores, tratando de sensibilizalos na importancia de difundir de maneira axeitada os seus traballos”. Os participantes deberán explicar a súa investigación nun tempo limitado e do xeito máis pedagóxico posíbel, “evitando os tecnicismos e presentando os seus estudos nunha linguaxe comprensíbel para o gran público, que estará representado polas persoas presentes na sala o día da súa intervención, así como por un xurado formado por expertos en comunicación científica”. Para facelo, engade o centro da USC, “disporán de tres minutos, un micrófono e o único soporte visual dunha diapositiva de fondo, que non poderá contar con ningún tipo de contido dinámico susceptíbel de distraer a audiencia”. Desta maneira, os participantes só terán á súa disposición o instrumento das súas verbas, polo que non lles quedará alternativa que “facer gala das súas mellores habilidades para transmitir as achegas do seu traballo ao mundo da ciencia (e á sociedade) dun xeito didáctico e sinxelo”.
O prazo de presentación de candidaturas comezou o pasado 15 de maio, e ficará aberto ata o 10 de setembro de 2013. Nesta primeira fase, os potenciais concursantes deberán enviar unha proposta en formato vídeo, que servirá de argumento ao xurado para escolmar os finalistas; a votación celebrarase entre os días 15 e 30 de setembro, e os participantes seleccionados participarán na fase final, que se celebrará en Madrid no mes de novembro.

PUBLICIDADE