Chega a Kickstarter a cámara de acción soñada polos pescadores

luns, 27 de xullo do 2015 Marcus Fernández

En 2014 un par de irmáns tiveron a idea de desenvolver unha cámara para capturar secuencias subacuáticas durante as súas xornadas de pesca, e tras un tempo dándolle voltas iniciaron o proxecto da GoFish Cam, que actualmente está a desenvolver unha campaña de micromecenado en Kickstarter na que buscan xuntar 55.000 dólares para que o produto poida converterse en realidade a primeiros de 2016.
Deste xeito, os mecenas que acheguen a partires de 115 dólares (103,84 euros) poderían facerse cunha destas cámaras de acción de alta definición deseñada para resistir a auga e funcionar incluso en condicións de baixa luz (integra visión noctural).
A GoFish Cam tería un sensor Full HD cun grande angular de 170 graos e micrófono integrado, que está pensada para, por exemplo, atarse á seda de pesca para poder rexistrar en vídeo o momento da captura dun xeito poucas veces visto. O deseño desta cámara pode resistir profundidades de até 100 metros, a súa batería duraría até 4 horas de gravación e ao funcionar con tarxetas microSD de até 32 GB tampouco debería ter problema para gardar unha boa sesións de pesca e, ao integrar Wi-Fi, incluso poderiamos ter a visión do cebo mentres se pesca (os responsables do produto aseguran que o sinal pode recibirse até a 12 metros de profundidade).
Tras a campaña de micromecenado espérase que a GoFish Cam saia á venda a un prezo de 169,99 dólares (143,50 euros).

A GoFish Cam está deseñada para poder rexistrar con grande detalle a captura dos peixes


Vídeo promocional da campaña de Kickstarter da GoFish Cam

PUBLICIDADE