Chega a Europa o accesorio de FiftyThree que facilita debuxar no iPad

mércores, 16 de xullo do 2014 Marcus Fernández

A aplicación Paper de FiftyThree que permite converter o iPad nun papel sobre o que debuxar expresando a nosa creatividade non só pode empregarse cos dedos, senón que tamén conta con accesorios moi atractivos para debuxar directamente sobre a pantalla do tablet. Falamos dos lapis dixitalizadores Pencil, que até o momento só estaban dispoñibles en EE.UU. e que finalmente xa os temos en Europa a través de Amazon.
Amazon en Francia, Alemaña e Reino Unido xa distribúen os dous modelos de Pencil achegados por FiftyThree, aínda que dende España tamén os temos dispoñibles a través dun distribuidor alternativo, polo que podemos facernos co Graphite Pencil por 76,56 euros, ou Walnut Pencil por 87,41 euros. O segundo modelo non só muda a súa aparencia dun acabado metálico negro optando por un acabado de madeira de nogueira, senón que tamén está preparado para que poida suxeitarse magneticamente sobre a Smart Cover do iPad, facilitando o seu transporte.
O Pencil permite debuxar sobre a pantalla en distintos grosores (segundo o ángulo co que premamos sobre a pantalla o lapis), permite empregar a súa parte traseira a xeito de goma de borrar, detecta cando estamos a debuxar sobre a pantalla para ignorar os toques sobre a pantalla que fagamos involuntariamente coas nosas mans e para comunicarse co iPad emprega Bluetooth, polo que a súa experiencia de uso é moi semellante á que sería empregar un lapis tradicional sobre o papel. Integra unha batería que pode cargarse en 90 minutos a través de USB, mantendo a súa carga durante aproximadamente un mes.

O Pencil de madeira de nogueira pode suxeitarse magneticamente á Smart Cover do iPad

PUBLICIDADE