Catoira presenta en FITUR a aplicación das Torres do Oeste

venres, 20 de xaneiro do 2017 Redacción

O salón FITUR de turismo que se desenvolve estes días en Madrid (até este domingo 22 de xaneiro) está a acoller un bo número de propostas galegas para viaxeiros, moitas delas pasadas polo filtro do tecnolóxico-dixital. Por exemplo, hoxe mesmo, a presentación da aplicación que permite coñecer en todo detalle as Torres do Oeste, emprazadas en Catoira. O encargado de dar a coñecer esta ferramenta para móbiles con Android e iOS é o alcalde do concello pontevedrés, Alberto García. Previamente, salientou o potencial da ferramenta para amosarnos sen atrancos e de maneira fluída e amena o pasado (dende a Idade de Ferro) e máis o presente das torres.
Amais dos percorridos históricos polo acontecido no emprazamento defensivo á beira do Ulla, preto xa do seu esteiro, a aplicación achega un apartado especial para a Romaría Viquinga, unha senlleira festividade que, como lembraremos, foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1988 e de Interese Turístico Internacional en 2002. A ferramenta fornecerase para ser lida ou escoitada en galego, castelán e inglés. Amais do devandito, achega recomendacións para visitarmos outros lugares de interese da contorna das Torres do Oeste, complementando a folla de ruta para viaxeiros co información sobre onde comer e durmir e números de teléfono de utilidade.

PUBLICIDADE