Canon presenta unha cámara que chega a un ISO de 4 millóns

xoves, 30 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Para a gravación de imaxes de vídeo en condicións de pouca luz é unha necesidade que tende a solucionarse con cámaras de visión nocturna, pero a nova cámara Canon ME20F-SH, de gama profesional (pensada para usos moi especializados, como a gravación de producións televisivas nas que retraten a vida salvaxe pola noite) que sorprende ao poder rexistrar vídeo Full HD cunha sensibilidade ISO de 4 millóns e nun formato moi compacto pensado para localizacións semi-fixas e para un manexo por control remoto.
Até o momento as cámaras de visión nocturna empregaban iluminación infravermmella e achegaban vídeo en branco e negro, pero con esta nova cámara conséguese capturar vídeo en alta definición a toda cor e con pouco ruído, o que é un avance significativo, pero que polo momento quedaría reservado a contornos profesionais moi específicos, xa que falamos dunha cámara que espérase que chegue ao mercado no mes de setembro a un prezo duns 30.000 dólares.
A Canon ME20F-SH ten un sensor CMOS full frame de 2,26 Mpíxeles, con procesador DIGIC DV4 e compatible con obxectivos Canon EF, polo que pode aproveitar o enorme catálogo de accesorios de Canon para adaptarse ás condicións nas que se vaian realizar as gravacións, que poderán realizarse para rexistrar elementos que estean iluminados con dende tan só 0,0005 lux. A cámara achega vídeo en 1.080p, 1.080i ou 720p, e conta coa conectividade propia dunha cámara profesional robotizada.

PUBLICIDADE