Cañas Y Redes, un novo evento de networking na cidade da Coruña

martes, 20 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Cada vez se organizan en Galicia máis eventos que buscan tecer relacións entre profesionais de sectores afíns ás redes sociais, e con ese espírito convócase a primeira edición de Cañas y Redes o vindeiro venres ás 20:30 horas no Bâbâ Bar (sino na rúa José Luís Pérez Cepeda da Coruña), un encontro que persegue xuntar a emprendedores, empresarios, artistas, profesionais liberais e xente inqueda en xeral para compartir un menú degustación e beber unhas cañas patrocinadas por Estrella Galicia. Para poder asistir e sufragar a mencionada cea será preciso adquirir a correspondente entrada en Ticketea a un prezo de 10 euros (sendo o xoves o derradeiro día para conseguir as entradas).
O menú degustación consiste en empanadas variadas, follado tapenade e tomate ao romeiro, rolliños de molito (guacamole), xamón asado 3 salsas en cama de puré de pataca, brochetas de polo tandoori e ensalada de froitas de tempada, que buscan así acompañar a unha sesión de networking que busca converterse en periódica. Na liña doutros eventos semellantes, a xornada contará cun relatorio dos responsables de Soma Arquitectura, empresa nacida neste contorno de crise, da que explicarán os seus comezos e como foron medrando como empresa; un elevator pitch para a presentación dos asistentes; unha sesión de speed networking; unha sesión do DJ Ángel Seisdedos e unha exposición fotográfica de Pelayo Campa.

PUBLICIDADE