As aulas do sistema educativo galego están neste intre en proceso de informatización, en boa medida a través do proxecto ABALAR da Consellería de Educación, unha iniciativa que entre outras cousas inclúe a distribución de milleiros de ultraportátiles para o noso alumnado. Pois ben, dada a importancia da medida para a aprendizaxe dixital de centos de miles de rapazas e rapaces do noso país, e dado o necesario que é contribuír a identificar a nosa lingua coa vangarda da comunicación e do lecer (co fin de preservala), diferentes colectivos galegos están a pechar fileiras arredor dunha petición común: a inclusión do noso idioma como lingua preferente na configuración dos devanditos ultraportátiles.
Así se vén de posicionar, precisamente, a CiberIrmandade, que puxo en marcha na súa web unha campaña para solicitarlles aos responsables da iniciativa ABALAR a habilitación da nosa lingua nos portátiles educativos, amais de que se poidan ofrecer outras linguas alternativas. A iniciativa de CiberIrmandade ten o seu xermolo na presentación oficial dos devanditos equipos, que segundo a web de Galicia Confidencial incluían só inglés e castelán de xeito preinstalado. O colectivo galeguista en liña tamén lle solicita á Xunta que desminta a información que apuntaba ao papel secundario do galego nos equipos.
Campaña para pedir a inclusión do galego como lingua preferente nos portátiles das escolas
Compartir Este Artigo

