CVC Capital Partners canalizou a compra do 35% de R

martes, 13 de abril do 2010 Marcus Fernández

Distintos medios coma Xornal de Galicia e Radio Coruña-Cadena SER están a dar conta nas últimas horas dos avances nas negociacións entre Caixanova e Caixa Galicia no tocante á súa fusión, e ás consecuencias para o operador galego de cable R, participado nun 66,2% por Caixanova, e que podería deixar de contar cunha participación maioritaria galega se prosperan as negociacións coa firma de capital de investimento CVC, que negociaría unha compra progresiva da compañía de telecomunicacións.
Dende Xornal de Galicia detallan que Caixanova tería «moi avanzada» a venda dun 30% de R con plusvalías de 100 millóns de euros, quedando a entidade co 36,24% de R, de xeito que continuaría a ser o accionista maioritario; aínda que outras fontes afirma que este só sería un paso na desgaleguización de R.
Esta operación financeira leva varios días rumoreándose, o que provocou que máis de 1.700 usuarios de Facebook sumáranse a un grupo en oposición á venda de R a capital estranxeiro, e Vieiros consultou a distintos actores de referencia no sector TIC galego, coincidindo unanimemente en que a venda de R iría en contra dos intereses de Galicia, parecer compartido incluso por representantes sindicais, que prevén a deslocalización laboral no futuro.
ACTUALIZACIÓN: Fondos asesorados por CVC Capital Partners adquiriron unha participación do 35% do operador galego de cable R, incrementando o control da compañía no futuro (adquirirán a Caixanova un 30% da compañía durante os vindeiros 3 anos), aínda que asegurando que manterán a súa sede social e operativa en Galicia, segundo o managing partner de CVC, Javier de Jaime, quen engadiu que «CVC comparte plenamente os obxectivos de Cainova, pois tamén os fondos de private equity son investidores a longo prazo, cun período de permanencia nas compañías de case 9 años. (..) A nosa aposta é única e exclusivamente pola profesionalidade da xestión».
Esta operación parte da valoración da compañía de telecomunicacións galega en 675 millóns de euros, e suporá unha inxección de liquidez e reforzo na estrutura financeira de R.

PUBLICIDADE