CREA S2i, o viveiro de empresas innovadoras do Campus de Pontevedra xa ten data de estrea

mércores, 23 de xullo do 2014 Redacción

Onte levábase a cabo unha reunión entre representantes do Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e o Consorcio Zona Franca de Vigo, principais impulsores dun proxecto que se estreará a mediados de 2015 e que estará directamente ligado ás áreas de especialización do campus da Cidade do Lérez: arte, comunicación e creatividade; deporte, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión, contorna e natureza. Estamos a falar dun viveiro de empresas vinculado ao Campus Crea que será construído na rúa A Barca, o edificio en cuestión terá oito andares, ático e dous baixos.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o Concello cederá un solar municipal de 850 metros cadrados na Barca para a construción do dito edificio que dará acubillo ao viveiro. Do financiamento, que podería acadar a cifra dun millón de euros, encargarase a Cámara de Comercio, a través de fondos europeos Incyde e a Zona Franca. A explotación e xestión do viveiro correrá a cargo da Universidade e a Cámara.
Emporiso, prevese que este lugar acolla unhas 20 iniciativas empresariais que terán acceso a unha serie de servizos que van alén da creación de espazos para emprendedores e que incluirían toda unha serie de programas de mentoring e aceleración, unha carteira de investidores ou mesmo un centro de negocios. Do espazo en cuestión poderán gozar tanto o alumnado coma os docentes e investigadores do campus, converténdose ao tempo nun propulsor do desenvolvemento económico da cidade.
O novo viveiro xa posúe nome de seu: CREA S2i, Centro responsable para emprendedores en actividades de innovación social e sostible, e está concibido como un centro de alto rendemento para a innovación social e a internacionalización, un espazo no que, segundo explicaron os promotores, se asociará a innovación promovida polos emprendedores á internacionalización das empresas, co obxectivo de acadar unha maior competitividade para o tecido produtivo interrexional.

PUBLICIDADE