CITIC, Vitae e EGANET avalían na Coruña as fortalezas e eivas do noso tecido software

venres, 8 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

CITIC, Vitae e EGANET achegaron esta semana na Coruña unha serie claves a ter en conta para ceibar ao camiño do software galego do máximo número de atrancos. Estas claves foron dadas a coñecer nun encontro a tres bandas, celebrado na Fundación Caixa Galicia da Coruña, onde cada un dos convocantes acudiu en representación dun sector determinado: a actividade empresarial de software, a actividade formativa especializada en software e a actividade de apoio ás empresas que promoven software. O obxectivo da reunión-presentación foi tomarlle o pulso ao sector galego da programación informática, con especial interese polos traballadores e polos métodos dispoñibles para a mellora na xestión e na relación cos clientes.
En representación de Vitae, empresa do sector das novas tecnoloxías, acudiu Marcos Carbonell, quen ofreceu o punto de vista do formador de profesionais do sector: “O cen por cen dos entrevistados pola empresa consideran a fase da xestión de requisitos a máis crítica en proxectos de software e, porén, moitos deles teñen carencias técnicas e de habilidades humanas para levar a cabo de maneira correcta esta fase de traballo”, sinalou.
Polo Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) participou na xornada Víctor Gulías, director deste centro mixto universidade-empresa, quen afondou no que ao seu xuízo é unha cuestión fundamental, tanto para as empresas como para a sociedade por enteiro: a necesidade de entender ben as diferentes esixencias para desenvolver produtos de calidade e sobre todo innovadores. “Se Henry Ford se tivese limitado a satisfacer os requisitos literais dos seus clientes, afondaría na arela de criar cabalos máis rápidos pero, en troques disto, entendeu a necesidade dese intre e foi quen de enxergar o alcance da tecnoloxía no devandito, achegándolle valor ao proceso do transporte inventando o automóbil”. Ao xuízo de Víctor Gulías, o sector ten unha responsabilidade social semellante no eido do proceso do software.
Polo que respecta á intervención de Víctor López, presidente de EGANET, sinalar que tirou proveito da ocasión para pór de relevo a enerxía e o potencial do noso sector da programación. De feito, dixo, no eido galego a metade das empresas TIC teñen por actividade principal o desenvolvemento de software, ao que engadiu que a correcta e eficaz xestión de requisitos constitúe “un instrumento necesario para que as empresas fagan rendible o seu tempo e os seus investimentos”. Na súa opinión, é imprescindíbel hoxe facer unha correcta xestión, amais de traballar xente a prol da máxima calidade.

PUBLICIDADE