Brasil volve apostar polo software propietario

martes, 15 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O Goberno do Brasil vén de preparar unha compra masiva de licenzas de software e servizos de Microsoft (Office, Windows Profesional, Windows Server e Client Access License), que está a resultar moi polémica, pois supón un importante cambio de rumbo por parte do Administración brasileira que, pese a estar comprometida co software libre dende 2003, estaría a apostar agora polo software propietario e incluso tería disolvido os comités técnicos que xestionaban a implementación do software libre.
Aínda que o software libre era unha das bandeiras da Administración de Lula, realmente nunca chegou a conseguir unha grande implantación, e nunha ducia de anos apenas conseguiron que o 43% dos ministerios e secretarías empregasen software libre, atopándose moitos atrancos no camiño, principalmente pola necesidade de formación e soporte técnico do novo software.
Precisamente os argumentos que comentan dende Brasil sería moi discutibles, xa que fálase de que o software libre é menos seguro (probablemente unha das afirmacións máis difíciles de soster) e négase que supoña un grande aforro, xa que o aforro en licenzas habería que investilo en contratos de soporte con man de obra moi especializada (e cara) e un maior investimento en formación. De feito, aseguran que, aínda que a aposta inicial buscaba favorecer a industria local do software libre, atopáronse cun problema ante a falta de profesionais e provedores que puidesen atender a demanda de software do Goberno.
É innegable que os funcionarios están máis familiarizados co software propietario, e a situación actual levou a que finalmente o Goberno do Brasil optase por volver aos brazos de Microsoft, pero buscando o aforro a través dunha compra conxunta de licenzas, que rematou o proceso de solicitudes por parte dos departamentos públicos o pasado venres, descoñecéndose polo momento cando se completará esta macrocompra de licenzas que algúns aseguran que supón a morte do software libre no Goberno do Brasil.

PUBLICIDADE