Brasil podería quedar 72 horas sen WhatsApp

luns, 2 de maio do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de decembro unha resolución xudicial bloqueou o acceso de WhatsApp aos 100 millóns de usuarios que a aplicación ten no Brasil, nunha actuación coa que se sancionaba a suposta falta de colaboración de WhatsApp coas autoridades locais, pero que prexudicaba principalmente aos cidadáns, que inicialmente ía quedar dous días seguidos sen o servizo (aínda que o bloqueo retirouse rapidamente ao considerarse desproporcionado), pero vese que os tribunais brasileiros non aprenderon nada da lección, e o maxistrado Marcel Maia Montalvão da Corte Penal de Lagarto (Sergipe), atendendo á petición de medidas cautelares por parte da Policía Federal, comunicou aos operadores brasileiros (TIM, Oi, Vivo, Claro e Nextel) que iniciasen hoxe o bloqueo de WhatsApp durante 72 horas.
O conflito entre as autoridades brasileiras e WhatsApp xorde dunha investigación contra o tráfico de drogas en Lagarto, na que os supostos criminais intercambiaban mensaxes a través de WhatsApp, polo que a Xustiza solicitou a Facebook as informacións intercambiadas, petición que dende WhatsApp non atenderon (por ser imposible pola súa banda, xa que non almacenan as mensaxes dos seus usuarios, algo que as autoridades brasileiras resístense a entender) polo que acusan a Facebook de obstrución a unha investigación policial.
Os operadores compren coas esixencias xudiciais para evitar ter que facer fronte a unha sanción por valor de 500.000 reais (124.078 euros) no caso de non cortar aos seus clientes o acceso a WhatsApp.
Por este mesmo asunto a Policía Federal tamén prendeu durante un día enteiro ao vice-presidente para América Latina de Facebook, Diego Dzodan, obviando o feito de que WhatsApp opera como unha empresa independente a Facebook (polo que Dzodan non ten relación profesional con WhatsApp) de xeito que estariamos ante unha represalia inxustificable, algo ao que cada vez nos teñen máis afeitos dende o Brasil, onde en 2012 xa mandaran a prisión a un par de directivos de Google (desta volta, por non atender á retirada de vídeos políticos de YouTube). Outras polémicas igual de vergoñentas que a actual foron cando bloquearon o acceso a Facebook durante 2012 por unha páxina contra un candidato político ou incluso chegaran a bloquear o acceso a YouTube por mor dun vídeo de Daniela Cicarelli nunha praia de Cádiz, causa que o ano pasado rematou cunha indemnización de 250.000 reais (62.039 euros), medida moito máis razoable que o veto a unha plataforma audiovisual global.

PUBLICIDADE