Botan a andar as obras do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo

venres, 20 de marzo do 2015 Redacción

Onte, 19 de marzo, daban comezo as obras de construción do edificio encamiñado ás Novas Tecnoloxías, un novo proxecto que se financia con cargo ós fondos do Plan Urban (cofinanciado nun 80% pola Unión Europea a través dos fondos FEDER e contando tamén con achegas do Concello e a Deputación) e que suporá a ampliación da Casa do Concello de Lugo. Este proxecto suporá tamén dotar ao casco histórico dunha nova infraestrutura pública pensada para facer máis doado o acceso de toda a veciñanza aos recursos e tecnoloxías do coñecemento e a comunicación.
A construción do inmóbel TIC conta cun orzamento de 330.562 euros, aos que hai que engadir os 495.000 euros que custaron as expropiacións e indemnizacións e outros 95.000 euros investidos na demolición e traballos arqueolóxicos. A obra conta cun prazo de execución de dez meses e foi adxudicada á empresa OREGA.
O Edificio das Novas Tecnoloxías, que estará comunicado coa Casa do Concello terá, no baixo, un espazo de atención ao público así como equipos informáticos sen fíos a disposición dos usuarios, amais de exhibirse, nela, os valiosos restos arqueolóxicos atopados durante as catas arqueolóxicas. No primeiro andar haberá aulas para reunións que poderán poñer a disposición de emprendedores e empresarios que necesiten facer xuntanzas e carezan dun espazo físico para levalas a cabo.
Na cata arqueolóxica realizada antes da construción do novo edificio atopáronse dous muros, un deles corresponde ao muro perimetral da nave central da basílica romana e outro, parello a este e que se usou como base para algunha estrutura non identificada. Esta basílica corresponde cun dos varios edificios que albergaba o Foro Romano de Lugo e que era o centro de negocios ou mercado de época romana. Cómpre subliñar que esta descuberta incorporouse ao proxecto do novo Edificio de Novas Tecnoloxías e poderá ser visitada de preto ao ser a única mostra visíbel do Foro Romano da cidade, unha vez que finalicen os traballos de construción do mesmo.

PUBLICIDADE