Bota a camiñar co apoio de 600 profesionais unha plataforma de receitas médicas en liña

xoves, 23 de abril do 2015 Redacción

Estes días estase a presentar en Madrid a que sería, a xuízo dos seus impulsores, a primeira plataforma estatal de prescricións médicas en liña: Receita Médica Online. O servizo, posto en marcha por un equipo de médicos, farmacéuticos e informáticos, diríxese a facilitar a renovación de receitas aos profesionais sanitarios do sector privado e aos propios pacientes. Máis en detalle, a ferramenta permite a comunicación dos facultativos cos doente por vía telemática, amais de posibilitar a renovación das prescricións médicas sen necesidade de desprazamentos (enviándose ao dispensario que se desexe dispoñendo así do medicamento xa preparado). Segundo informan os responsábeis da plataforma, “en 15 días de funcionamento, xa solicitaron inscribirse nela até 600 profesionais sanitarios”.
Un dos obxectivos deste novo sistema é “solucionar os problemas cotiáns de axenda dos médicos que en moitos casos enchen a súa consulta con doentes crónicos que só precisan unha nova receita para continuar o seu tratamento”, informan os impulsores do servizo, entre os que se conta o doutor Roberto Medina, experto en aplicacións de eSaúde da Universidade Complutense de Madrid, que engade “calquera médico colexiado pode rexistrarse sen custo e comunicarse vía telemática co seu paciente para prescribir os medicamentos que previamente se lle indicaron”. Por certo que unha vez autorizada a receita electrónica, envíaselle ao paciente ao seu smartphone, tableta ou computador para que poida imprimila e retirar o seu medicamento en calquera farmacia de España.
A ferramenta Receita Médica Online adapta coas súas particularidades certas metodoloxías de traballo propias de iniciativas como o portal estadounidense Surescripts, que conecta 900.000 profesionais sanitarios con 220 millóns de pacientes (as súas 700 aplicacións producen 6 billóns de transaccións médicas en liña ao ano).

PUBLICIDADE