Bota a andar o programa Coruña Dixital
martes, 13 de setembro do 2016
- A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, abriu o primeiro Encontro Coruña Dixital
O programa Coruña
Dixital, que busca facilitar a conexión entre persoas interesadas na
cultura dixital, o uso creativo da tecnoloxía e o emprendemento sustentable de
proxectos innovadores, deu os seus primeiros pasos no Centro Ágora da Coruña,
nunha xornada de relatorios que facilitaban a introdución á cultura dixital, a
innovación social, os proxectos tecnolóxicos sociocomunitarios, os contidos
dixitais colectivos, o fenómeno Maker e os proxectos abertos de programación e
robótica educativa.
Deste xeito, a sesión matinal deste primeiro Encontro Coruña Dixital abriu coa
intervención de todo un experto de referencia en innovación e cultura dixital, Juan Freire, en quen recaeu a
responsabilidade de introducir aos presentes no novo paradigma que supón a
cultura dixital na súa amplitude; seguiuno José Luís de Vicente, investigador e
comisario de Sónar I+D, quen abordou as sinerxías que xorden entre científicos
e tecnólogos cos artistas, realizando toda unha introdución histórica aos
fenómenos artísticos apoiados na tecnoloxía, comentando numerosas
manifestacións artísticas con influencia internacional.
O primeiro bloque de intervencións matinais rematou coas intervencións da artivista dixital Beka Iglesias e Fran Díaz (de Autofabricantes, un proxecto de
fabricación colectiva de próteses persoais en código aberto), quen falaron dos
seus proxectos de desenvolvemento colectivo, deixando clara a importancia da
colaboración para a creación.
Para completar a sesións matinal do encontro realizaron consecutivamente os
seus relatorios Fran Quiroga, dando
conta das novas prácticas culturais e en man común; María Yáñez, dando conta dos
contidos dixitais comunitarios que emerxen tanto anarquicamente como a través
de iniciativas coordinadas; Chus Prol,
que deu conta do peso que foi collendo en Galicia o fenómeno Maker até chegar á
organización da Galicia Maker Faire;
e Tucho Méndez, de Bricolabs, quen
narrou a historia do proxecto de robótica educativa Escornabot.
Despois deste disparo de saída do proxecto, quedan agora numerosas iniciativas que se irán
desenvolvendo durante o outono na Coruña, que abordarán ámbitos tan
variados como a creación audiovisual, os datos abertos, o prototipado e o
traballo en rede.
- Juan Freire tivo a responsabilidade de introducir aos asistentes ao amplo concepto de cultura dixital
- José Luís de Vicente fixo un repaso da historia de fenómenos culturais nacidos da súa relación coa ciencia e a tecnoloxía
- María Yáñez puxo grandes exemplos de creación comunitaria en liña
- Chus Prol deu conta do fenómeno Maker en Galicia
- Tucho Méndez explicou a historia do proxecto Escornabot