Blusens estrea unha televisión sobre IP
martes 16 de marzo do 2010, por |
Nas primeiras
análises realizadas sobre o Blu:brain de Blusens, destacábase o
feito de que este reprodutor multimedia doméstico, con disco duro e capacidades
de gravación da TDT de alta definición, puidese acceder a contidos audiovisuais
da Internet, o que o fabricante galego de electrónica de consumo quere
aproveitar coma buque insignia dunha plataforma audiovisual que tamén estará
dispoñible no futuro noutros dispositivos da compañía coma televisores con
prestacións multimedia.
Chega así Blusens Televisión,
coma unha canle de televisión por Internet que ofrece contidos a través de streaming en directo e tamén en
pagamento por visión, que está
dirixida á pantalla do ordenador, a dispositivos multimedia e a teléfonos
móbiles, que inicialmente comeza con 4 canles Premium: FX Interactive, con vídeos relativos ao
catálogo de videoxogos da compañía co mesmo nome; Blusens, con novidades desta compañía galega; Nikodemo TV, coas animacións do coñecido Cálico Electrónico; e Http: 100% Tecnología, con novas sobre
tecnoloxía, enfocadas principalmente á empresa.

- Nikodemo TV é a canle que ofrece os episodios de Cálico Electrónico
Esta nova plataforma chega coma unha ferramenta de distribución de contidos que non está pechada ao universo de produtos de Blusens, senón que tamén pretenden que chegue a outras compañías que desexen distribuír os seus vídeos. O director de Marketing de Blusens Global Corporation, Miguel Churruca, comentou ao respecto que o obxectivo de Blusens Televisión é «medrar xunto ás novas fontes de contidos, unificando os contidos dixitais e de televisión e Internet, e aplicando novos modelos de explotación comercial».
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















