Balidea comparte procesos co alumnado do Posgrao de Xestión da Innovación da UDC

martes, 24 de maio do 2016 Redacción

A empresa galega Balidea, da que vimos de falar con motivo do desenvolvemento do portal do CIXUG e da revolucionaria ferramenta ADESTRApp, informou este mes de maio da súa colaboración coa Universidade da Coruña e, máis polo miúdo, co Posgrao de Xestión Empresarial da Innovación que organiza a UDC e dirixen Jose Manuel Barreiro e Andrés Faíña (Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea). Este posgrao, sinala a firma galega, inclúe a realización de prácticas en empresas innovadoras como Balidea, recoñecida como PEME Innovadora polo Ministerio de Economía e Competitividade. O obxectivo de Balidea con esta colaboración é permitir ao alumnado “coñecer dende o interior dunha empresa o proceso de innovación cun produto real”. Precisamente este produto real é a ferramenta móbil ADESTRApp.
ADESTRApp, como lembraremos, é un recurso tecnolóxico que permite a captación, transmisión e análise de vídeo aplicado a contornos deportivos de competición, adestramento e arbitraxe. A aplicación xa ten sido empregada en equipos de fútbol profesional como o R.C. Deportivo da Coruña, o Levante UD, o Nastic de Tarragona, o Santiago Futsal, o F.C. Barcelona de fútbol praia ou o C.D. As Pontes de Terceira División. A finalidade, engaden fontes de Balidea, é involucrar aos alumnos de forma directa no funcionamento da empresa e nos seus procesos de innovación, “facéndoos partícipes do traballo en torno a este produto e deixándoos opinar sobre a súa estratexia de marketing”.
A finalidade xeral do Posgrao de Xestión Empresarial da Innovación é formar ao alumnado nos diversos ámbitos nos que a innovación está presente dentro das empresas e os mercados na actualidade. Este obxectivo acádase a través do coñecemento das técnicas actuais de innovación e desenvolvemento de novos produtos, novos modelos de negocio e xestión da innovación dentro das empresas.

PUBLICIDADE