Até 300 persoas asistirán este venres á Noite Galega das Telecomunicacións

xoves, 23 de outubro do 2014 Redacción

Finalmente este venres ás 20.00 horas celébrase no Gran Hotel da Toxa a que sen dúbida é unha das nosas grandes citas anuais co coñecemento avanzado e a vangarda tecnolóxica. Desta volta, cun marcado interese polo que está a dar de si, no presente e no futuro a curto e medio prazo, a frutífera interrelación TIC-saúde. Falamos da dezanove edición da Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que este ano está dedicada á sociedade dixital a eSaúde.
A previsión é que participen nesta importante xuntanza arredor de 300 persoas, entre elas o conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Ademais dos ámbitos das TIC e do tecido industrial e co obxectivo de extraer o máximo contido da temática principal (a eSaúde), tamén estará representada a área sanitaria autonómica a través da secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo; e o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa.
Como vimos anunciando os días pasados, no transcurso da noite, ás 21,30 horas, procederase á entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que recoñecen o labor das persoas e empresas “que demostraron o seu compromiso co desenvolvemento das TIC ao longo de 2014”. Os sete gañadores desta edición son os seguintes:
· Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Torus Software Solutions SL.
· Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica.
· Premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes.
· Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración coa Amtega, paran InfoJC S.L., polo proxecto, Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable.
·Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a compañía R.
· Socio de Honra 2014, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para a Cruz Vermella de Galicia.
· Enxeñeiro do Ano 2014 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para Gil Carlos Bernárdez Matovelle.
A Noite
A Noite dará comezo cun cóctel de benvida e un photocall no que as autoridades e os galardoados cos Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2014, posaran para os reporteiros gráficos. A entrega dos premios, que presentará o actor galego Javier Veiga, arrancará coa proxección dun vídeo e a intervención do decano e presidente do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro. Unha vez entregados os galardóns, pronunciarán unhas palabras o Enxeñeiro do Ano e o conselleiro de Economía e Industria.

PUBLICIDADE