As xornadas sobre seguridade e tecnoloxías matemáticas proseguen hoxe cun achegamento a un medidor de fiabilidade de submarinos

martes, 16 de decembro do 2014 Redacción

Seguen adiante, hoxe martes, as segundas Xornadas sobre Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais. Como avanzamos onte dende Código Cero, estes encontros veñen da man do ITMATI e contan coa colaboración (entre outras entidades) do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, CITIC. A idea básica é amosar até que punto (un punto amplo e de fonda pegada) a aplicación das tecnoloxías matemáticas permite “significativas melloras” en todo tipo de ámbitos e actividades, incluídos os eidos da seguridade e a defensa. O programa inclúe 12 relatorios sobre os máis variados temas. Segundo avanzou Peregrina Quintela (directora do consorcio ITMATI) nos intres previos á apertura das xornadas, “os cálculos numéricos están detrás de case todos os procesos dos nosos días”. Este martes o programa arranca amosando un sistema para estimar a fiabilidade no interior dun submarino.
Ademais, haberá unha mesa redonda sobre tecnoloxía matemática como ferramenta de innovación no ámbito da seguridade, amais dun relatorio a cargo de José Martín Davila, que amosará os detalles dun proxecto do Ministerio de Defensa para o coñecemento dos fondos mariños, no marco do Plan de Investigación da Zona Económica Exclusiva Española (ZEEE). Tamén falará, entre outros investigadores, a profesora María Teresa Sanchez Rúa, que exporá os casos de éxito do Centro Universitario da Defensa de Zaragoza, entre os que se inclúe un proxecto que tirou partido das técnicas matemáticas para mellorar, a través de integradores xeométricos, as simulacións do movemento do carro de combate Leopard. Pola súa parte, o profesor da UDC e membro de ITMATI, Salvador Naya, fará a devandita presentación sobre a fiabilidade en submarinos, relatorio co que se abre o programa deste martes.
As xornadas, que teñen lugar na sala de graos de Facultade de Informática (situada no Campus de Elviña da Coruña), contan tamén coa participación doutras entidades como a Fundación Círculo, o INTA, e as empresas Inaer e Elinsa.
Martes, 16
09:30-10:05 Fiabilidade en Defensa. Aplicación a un submarino.
Salvador Naya, Profesor titular Estatística e Investigación Operativa UDC/ investigador adscrito ao ITMATI
10:05-10:40 Centro Universitario da Defensa de Zaragoza: Casos de éxito en I+D e transferencia en Defensa e Seguridade.
María Teresa Sánchez Rúa, profesora da Área de Matemáticas, Estatística e Investigación Operativa. Centro Universitario da Defensa, CUD de Zaragoza.
10:40-11:15 Iniciativa de Seguridade e Defensa no INTA.
Bartolomé Marqués, Director de experimentación do INTA
11:15-11:45 Descanso
11:45-12:20 O Plan de Investigación da Zona Económica Exclusiva Española (ZEEE): Un ambicioso proxecto do Ministerio de Defensa para o coñecemento dos fondos mariños
José Martín Davila, subdirector-xefe de Estudos, ex-xefe Sección Xeofísica e Responsábel Campañas ZEEE, Real Instituto e Observatorio da Armada (ROA)
12:20-12:55 Tratamento da información para gañar a iniciativa aos grandes incendios forestais
José Luis Saiz Díaz, doutor enxeñeiro de Montes. Director de Innovación de Inaer España
12:55-13:30 Mesa redonda A tecnoloxía matemática e computacional como ferramenta de innovación no ámbito da Seguridade e a Defensa
José Martín Davila, subdirector-xefe de Estudos, ex-xefe Sección Xeofísica e Responsábel Campañas ZEEE, Real Instituto e Observatorio da Armada (ROA)
José Luis Saiz Díaz, director de Innovación INAER
Peregrina Quintela, directora de ITMATI/USC
Bartolomé Marqués, director de experimentación do INTA
Moderador: Federico Aznar, doutor analista principal do Instituto Español de Estudos Estratéxicos, CESEDEN, capitán de fragata.
13:35 Acto de clausura

PUBLICIDADE