As webs do Concello de Brión incrementaron as súas visitas considerablemente en 2010

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

O departamento de novas texnoloxías do Concello de Brión, que comezou o ano traballando nunha nova versión da súa web institucional, vén de anotar un punto na súa particular conta de iniciativas exitosas (que por certo non son poucas) ao obter un incremento do 7,68 por cento no número de visitas aos seus tres portais web durante o ano pasado.
En total, no 2010 as webs rexistraron un total de 74.878 visitas, o que supón 5.339 máis ca en 2009, unhas cifras moi representativas que supoñen unha media de 6.240 visitas mensuais.
A web máis consultada, segundo informan dende a entidade pública, “é a institucional, que rexistrou un total de 32.976 visitas no ano 2010”. Unhas cifras ás que hai que engadirlle as 7.000 visitas recibidas nos diferentes blogs temáticos que contén esta web, entre as que destacan BrionTV , plataforma inaugurada en marzo de 2010 que recolle 26 vídeos sobre o municipio e as súas xentes, e Excursiónmocidadebrion, portal da mocidade e voluntariado, que recolle información sobre a romería de Santa Minia e a Festa do Cabalo principalmente e que xa ten 3 anos de vida.
Agora, aproveitando o tirón de visitas que está xerando a web por parte da súa veciñanza, o departamento de novas tecnoloxías do Concello de Brión púxose a traballar nunha nova versión, máis moderna e accesible da súa principal web, “cunha grande calidade visual e moi intuitiva”, segundo engade o técnico municipal de Novas Tecnoloxías, Julio Mallo Nieto, “que podería ver a luz nun prazo aproximado de dous meses”.
A esta web institucional, hai que engadirlle as outras dúas páxinas administradas polo Concello: www.infobrion.com e www.briondixital.org, que recibiron 28.316 e 13.586 visitas respectivamente ao longo do pasado ano.
Finalmente, outro dos “pratos fortes” (como o fan chamar dende a entidade local) é a conta que esta entidade mantén aberta en Facebook, a oficial do Concello de Brión, que está a piques de cumprir dous anos de vida e que a día de hoxe conta cun total de 1.650 seguidores. Neste perfil de Facebook, entre outras cousas, o Concello de Brión informa sobre as actividades e iniciativas que se levan a cabo nos seus lindes e que son de interese para toda a veciñanza.

PUBLICIDADE