As vendas do Nexus One continúan a un ritmo comedido
martes 16 de marzo do 2010, por |
A consultora
Flurry volve a analizar
as vendas do móbil Nexus One tras 74 días á venda por parte de
Google, comparándoas cos resultados do primeiro iPhone de Apple e co popular (nos
EE.UU.) Motorola Droid. Elixiron os 74 días coma data para facer este contraste
porque foi cando o iPhone orixinal superou o seu primeiro millón de unidades vendidas,
e serve para ilustrar a decepción que para moitos supón que o Nexus One teña
que conformares con vender só 135.000 unidades no mesmo período de tempo, o que
non parece provocado polo seu sistema operativo, posto que o Motorola Droid
tamén funciona con Android e superou nunhas 50.000 unidades as vendas do
iPhone. Entendemos así que o marketing
é fundamental para unhas boas vendas, e o feito de que o Nexus One estea
dispoñible a través de poucas operadoras de telefonía móbil (e aínda non estea
comercializado oficialmente en Europa), só poida mercarse en liña, careza de publicidade nos medios tradicionais (polo que é
descoñecido polo grande público) e teña un servizo de atención ao cliente pouco
satisfactorio son elementos que non contribúen a que o móbil promovido por
Google teña unhas boas vendas, o que podería ser a intención da compañía, pois
non hai que esquecer que o negocio de Google está no sistema operativo e non
nos terminais, de xeito que poderían perseguir unhas vendas só moderadas para
evitar lesionar as vendas dos seus socios
(fabricantes que están a adoptar o Android coma sistema operativo, que no caso
de que o Nexus One tivese unhas vendas moi fortes veríanse ameazados).
No tocante aos problemas de operadora, dende
Google veñen de anunciar unha nova versión do Nexus One que será compatible
coas redes 3G de AT&T (EE.UU.) e Roger Wireless (Canadá) xa que
as primeiras versións do terminais operaban en frecuencias que, aínda que son
habituais en Europa, nos EE.UU. non estaban tan xeneralizadas, de aí que nas
vindeiras semanas poderemos agardar un importante crecemento das vendas do
terminal fabricado por HTC e distribuído por Google.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















