As tendas en liña toman medidas ante a flutuación do rublo

mércores, 17 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Mentres vemos como os carburantes baixan de prezo en España, outros países están a vivir o fenómeno dun xeito moi diferente, e en Rusia a moeda está padecendo grandes flutuacións, creando unha inestabilidade económica que incluso está a ter consecuencias no mundo dos videoxogos e da electrónica de consumo. A medida máis visible sería o peche da tenda en liña de Apple en Rusia, que ten que estar a adaptar os seus prezos á alza con moita frecuencia para axustar o seu valor co resto de Europa.

Os códigos de descarga rusos poden adquirirse a prezos moi reducidos

Pero outro mercado onde o valor do rublo ten moito peso é o dos videoxogos, xa que até o momento era moi frecuente ver como moitos usuarios da plataforma de videoxogos descargables Steam, en vez de mercar os títulos directamente no servizo de Valve, acudían a páxinas webs alleas, que venden códigos de descarga doutros países a prezos moi reducidos (por exemplo, Tierra Media: Sombras de Mordor, que ten un prezo oficial de 49,99 euros, pode atoparse por menos de 15 euros). En vista de que a diferenza de prezo destas alternativas está a agrandarse, hai usuarios que están a dar conta de que moitos códigos de descarga pasan agora a ter bloqueo rexional, de xeito que os xogos teñen que activarse dende países da antiga Unión Soviética. A limitación tamén estaría a aplicarse a códigos adquiridos en Brasil, a Indonesia e outros países nos que se reproduce unha situación semellante, buscando así protexer aos editores dos xogos dunhas vendas a prezos moi inferiores ao habitual.

A tenda en liña de Apple está pechada en Rusia temporalmente.

PUBLICIDADE