As tendas do grupo Inditex comezan a aceptar o pagamento móbil

mércores, 31 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A aplicación InWallet facilita os pagamentos e a xestión de recibos sen papel

O presidente de Inditex, Pablo Isla, aproveitou a celebración da pasada Xunta de Accionistas da compañía con sede en Arteixo para anunciar que estaban a preparar o lanzamento dunha solución de pagamento co móbil en todas as tendas do seu grupo en España, e finalmente confírmase que esta tecnoloxía botará a andar mañá mesmo tanto nas aplicacións en liña das oito marcas de Inditex (Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho, Zara Home e Uterqüe) e incluso na nova aplicación chamada InWallet (que xa podemos descargar de balde da App Store e de Google Play) que facilita, aparte da realización de pagamentos, a xestión dos comprobantes de compra en liña e fóra de liña, o que facilita a eliminación dos recibos en papel. O 1 de setembro tamén comeza a implantarse este método de pagamento en todas as tendas de Inditex no territorio español.
Esta solución de pagamentos, en vez de apostar polo NFC e a identificación mediante pegada dixital como Apple Pay e Samsung Pay, aposta polo uso de códigos QR, o que facilita a implantación desta tecnoloxía (xa que sería compatible con todos os smartphones do mercado e con calquera escáner de códigos de barras bidimensionais) tendo como principal vantaxe a mellora da experiencia de compra do usuario, simplificando ao máximo o procedemento de activación, os pagamentos e as devolucións.

Nova tenda flagship

Mañá mesmo tamén abrirá as portas ao público a nova tenda emblemática de Zara na Rúa Compostela da cidade da Coruña, establecemento nun edificio representativo da estética da cidade herculina, no que realizouse unha coidada labor de rehabilitación e conservación, e que nos seus 2.400 metros cadrados de superficie comercial distribuída en 5 andares non só haberá roupa de muller, cabaleiro e neno, senón que tamén apostou pola ecoeficiencia (reducindo o consumo de enerxía eléctrica nun 30% e de auga nun 40% con respectos aos modelos convencionais) e polas TIC, a través dunha nova tecnoloxía de probadores nos que está instalado unha tableta na parece a través da que os clientes poden comunicarse coa persoa que os atende para achegarlles a prenda que precisen (de xeito que non é preciso abandonar o probador para solicitar un talle diferente ou a prenda que probamos noutra cor), e que levan en probas dende o ano pasado. Esta tecnoloxía persegue facilitar a elección da roupa e acurtar a espera nos probadores.

PUBLICIDADE