As series da Galega estrean un espazo de seu na web

venres, 27 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

A ninguén se lle escapa que a Televisión de Galicia está a conseguir grandes éxitos coas súas últimas series de ficción, e para salientar estas producións deu a coñecer esta semana un novo espazo web que aínda está en fase de probas, EnSerie.gal, que facilita a visualización de 17 das series de maior repercusión da Galega como Mareas Vivas, Pratos Combinados ou Matalobos, sen esquecer as actuais O Faro, Serramoura e Pazo de Familia, que tamén se benefician de que este novo espazo está vivo, contribuíndo á sona destas producións con distintos contidos adicionais.
Así, EnSerie.gal tamén inclúe novas sobre as series da TVG, está aberto á participación do público (que pode rexistrarse no novo espazo) que pode votar polas súas series favoritas, inclúe listaxes para reivindicar ás figuras do noso audiovisual, achega reportaxes para afondar na series en curso... e incluso conta cun blog titulado O Figurante que un par de veces á semana contará as últimas novidades sobre as series da Galega.
Durante o mes de marzo EnSerie.gal estreará a súa versión definitiva, contando cun programa especial na Televisión de Galicia no que farase un percorrido das series da Galega durante os seus preto de 30 anos. Este espazo televisivo contará coa presenza dos actores e actrices máis recoñecibles das ficcións galegas e contará tamén con actuacións musicais relacionadas.

PUBLICIDADE