As pantallas de 20" de tinta electrónica a toda cor xa son unha realidade

mércores, 25 de maio do 2016 Marcus Fernández

A tecnoloxía de papel electrónico abriu grandes posibilidades para a creación de lectores de libros electrónicos como os Kindle, pero pode chegar moito máis aló, e así dende E Ink están a anunciar a súa nova tecnoloxía con Advanced Color ePaper (ACeP) que serve para ter pantallas reflectivas de alta calidade a toda cor, sendo a primeira vez que unha pantalla electroforética (EPD) por producir calquera cor en todos os seus píxeles.
A tecnoloxía ACeP consegue unha gama de cor completa, incluíndo as 8 cores primarias, empregando só colores pigmentarias, para o que a pantalla emprega unha única capa de fluído electroforético controlable mediante voltaxes compatibles cos sistemas comerciais de pantallas TFT, pero coa grande vantaxe de poder lerse baixo todas as condicións de iluminación e ter un consumo ultra-reducido.
Como demostración desta tecnoloxía durante a celebración da Display Week, no expositor de E Ink no Moscone Conference Center exhiben múltiples pantallas de 20 polgadas cunha resolución de 1.600 x 2.500 píxeles a 150 puntos por polgadas construídos mediante esta tecnoloxía que, aínda que poida parecer un grande avance para facer posibles lectores de revistas electrónicas semellantes aos Kindle, estamos máis ben ante unha solución pensada para pantallas de cara ao público, facilitando así os carteis interactivos cun consumo reducido e unha boa visión incluso en exteriores sen ter que empregar solucións LED de elevadísima luminosidade. Haberá que agardar un tempo para que esta tecnoloxía madura e consiga un nivel de definición que permite coller o relevo da tecnoloxía de tinta electrónica actual, sendo moi prometedores os avances actuais.

Vídeo no que podemos ver as pantallas ACeP en acción

PUBLICIDADE