As novas tecnoloxías, piar básico da cuarta edición de Innterconecta
xoves, 12 de maio do 2016
Hoxe
celebrouse
na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a presentación
da cuarta edición do programa FEDER Innterconecta. No acto
participou o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel
Varela, que salientou que esta iniciativa permitirá á Xunta, a
través destas axudas que xestiona o Centro Tecnolóxico Industrial
(CDTI), “liderar proxectos innovadores en Galicia”. O novo
Innterconecta está enmarcado na Estratexia de Especialización
Intelixente, RIS 3; e no novo Plan de Actuación Xunta-CDTI. Ten como
finalidade fomentar a cooperación en I+D entre comunidades mediante
o desenvolvemento de novas tecnoloxías con proxección económica e
comercial a nivel internacional.
A nosa é unha das seis
comunidades participantes nesta nova convocatoria. Para esta, o CDTI
mobilizará 50 millóns de euros para financiar durante o período
2016-2018 proxectos tecnolóxicos nos que participen consorcios
empresariais.
As solicitudes para
obter as axudas realizaranse a través da sede electrónica do CDTI
(sede.cdti.gob.es).
O prazo finalizará o 20 de xuño. Os proxectos poden responder a
diferentes temáticas: saúde, cambio demográfico e benestar;
seguridade e calidade alimentarias, actividade agraria e produtiva e
sustentábel, recursos naturais, investigación mariña e marítima;
enerxía segura, eficiente e limpa; transporte intelixente,
sustentábel e integrado; acción sobre o cambio climático e
eficiencia na utilización de recursos e materias primas; cambios e
innovacións sociais; economía e sociedade dixital; e seguridade,
protección e defensa.
A terceira edición do
Innterconecta suma 144 empresas galegas, que participan en 67
proxectos innovadores que promoven o avance de Galicia en eidos como
o agroalimentario, as novas tecnoloxías (TIC) ou o motor. Segundo
fixo saber o director de GAIN, “Galicia captou o 40% dos fondos
totais para España, sendo a segunda comunidade, despois de
Andalucía, con maior número de proxectos aprobados e liderados”.
Nas tres convocatorias anteriores do Innterconecta participaron un
total de 172 proxectos na comunidade galega. Esta nova edición
súmase a outros programas de innovación cos que conta a Xunta, como
Conecta PEMES, que permiten traballar de forma conxunta a empresas,
universidades e centros tecnolóxicos.