As novas correntes e feituras do noso audiovisual, polo miúdo no Festigal

mércores, 23 de xullo do 2014 Redacción

Este 25 de xullo, Día da Patria, celébrase en Santiago unha nova cita do Festigal, unha cita senlleira coa música galega e con tódalas expresións artísticas e culturais que abeiran e compleméntanse coa nos corrente musical. Polo tanto, haberá audiovisual e dentro deste eido, audiovisual de vangarda. De feito, Festigal 2014 terá o seu ingrediente de reflexión arredor das novas tendencias e metodoloxías de crear, rendibilizar e distribuír filmes, documentais ou series. Máis polo miúdo, proxectaranse no espazo audiovisual de Festigal tres pezas “de interese para a divulgación”. Falamos de A Fazaña da Liberdade, un documental sobre a vida de Alexandre Bóveda; Artemia, unha webserie impulsada pola plataforma dixital Irmandade TV; e IES Pazombies, unha curta sobre a lingua, feita por estudantes.
A Fazaña da Liberdade é un documental dirixido por Senem Outeiro sobre a vida de Alexandre Bóveda. Analízase o seu papel no desenvolvemento do nacionalismo galego da década de 1930, especialmente na configuración do Partido Galeguista, e a súa faceta como deputado en Madrid até o golpe de Estado fascista e o seu posterior asasinato.
IES Pazombies é unha curta realizada integramente por estudantes do IES As Neves, que fai un interesante xogo sobre o uso dos idiomas e convértese nunha parodia sobre a situación actual que vive a lingua galega nos centros de ensino da Galiza.
Polo que atinxe a Artemia, sinalar que é unha webserie desenvolvida dende IrmandadeTV e dirixida por Darío Autrán. O argumento é este: Marcos (Gustavo Freire) perde o seu traballo como xornalista logo da ruptura coa súa moza Laura (Bea Meilán), que marcha con Esteban (Ernesto Delgado), irmán de Marcos. Así, a partir dun crime, a trama abre e anoa en arqueoloxías e dinastías familiares, nunha loita por coñecer o mundo real, que vai e vén nunha combinatoria de escenas veloces e de lenta construción nas emocións dos personaxes.

PUBLICIDADE