As nosas empresas amosan os seus servizos innovadores perante os concellos da Coruña

xoves, 27 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

As empresas TIC teñen un importante espazo de actividade no sector público, un rumbo ao que dirixirse. As administracións locais, para as que inserirse no eido das Cidades Dixitais non só é unha oportunidade senón unha obriga, demandan produtos e servizos das nosas empresas que faciliten a súa transformación tecnolóxica. Servir un punto de reunión entre unhas (as nosas firmas) e outras (as administracións locais) é o gran obxectivo da primeira edición do Encontro Empresas e Concellos, que se está a celebrar estes días nas instalacións de EXPOCoruña da man da Deputación da Coruña. O gran obxectivo, en palabras do organismo provincial, é brindar unha oportunidade para que os nosos profesionais dean a coñecer produtos e servizos innovadores e prácticos “que redunden nunha mellor xestión e prestación de servizos cara a cidadanía”.
En definitiva, incide a Deputación, o que se quere é proporcionar un foro de intercambio de servizos e necesidades entre profesionais de diversos sectores e responsábeis da administración, tanto a nivel político como técnico. Entre as empresas galegas que están a amosar os seus achados e recursos atópanse, entre outras, as galegas Abertal (que está presente en dous stands, presentado tamén o proxecto Phottic) e MoonOff ou a madrileña Chint Electrics.
A asistencia a este encontro é de balde e está aberta ao público en xeral ao longo dos tres días nos que se desenvolve. Segundo nos conta a Deputación, “trátase dunha oportunidade inmellorábel para facer contactos, ver tendencias de mercado, observar demandas insatisfeitas ou propoñer solucións innovadoras aos problemas diarios na xestión da administración”. Ademais, o foro fornece unha boa ocasión para ter na nosa man a posibilidade de contactar cos 93 concellos da provincia, amais doutras entidades, tales como consorcios ou mancomunidades.

PUBLICIDADE