As imaxes achegadas pola NASA á Rede, ao detalle este venres na Coruña

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Redacción

Este venres 23 de xaneiro o MUNCYT da Coruña acolle unha charla do físico e divulgador científico Dosi Veiga, baixo o epígrafe APD NASA 2014, Un ano de astronomía en galego. A cita, que comezas ás 19.30 e vén da man da Agrupación Astronómica Ío, representa a introdución na nosa terra dunha práctica que se leva a cabo dende hai anos en Estados Unidos e que consiste en avaliar, cada aninovo, os acontecementos máis importantes en materia de astronomía rexistrados os doce meses previos. Acontecementos que se expoñen a través das imaxes achegadas ao sitio web Astronomy Picture Of the Day (APOD) da NASA
Trátase dunha páxina posta en marcha dende 1995 dende a que se pendura cada día unha fotografía de temática astronómica comentada. O resultado, ao remate dun ano, é unha completa e variada escolma de imaxes e rexistros que, segundo nos lembran dende a Agrupación Ío, fornece un “percorrido fascinante polos últimos achados e novas deste eido da ciencia”. Este percorrido soe vir da man de Jerry Bonnel, que é un dos responsábeis do devandito sitio web da NASA e que con cada remate das festas de Nadal avalía os recursos xerados durante o ano previo nunha charla en Nova York.
Pois ben, en adaptar esta práctica de aninovo á nosa terra e ao noso contexto é no que consiste, en liñas xerais, a charla deste venres. O relatorio virá importado por Dosi Veiga, tradutor ao galego da devandita web e membro das xuntas directivas da Asociación Galega para a Comunicación e a Cultura Científica e Tecnolóxica e da Federación de Asociacións Astronómicas de España. A actividade, dirixida ao público xeral e de entrada libre, forma parte do programa do Ano Internacional da Luz 2015, que a UNESCO declarou aberto nun acto celebrado en París este mesmo luns.

PUBLICIDADE