As explotacións agrogandeiras da Terra de Melide interesadas en implantar software libre

venres, 20 de abril do 2012 Redacción

José Manuel Campos (Ainfogra) explicou as vantaxes de Ainfogra a 15 socios de Melisanto

O pasado xoves, 19 de abril, a Cooperativa Melisanto levou a cabo unha xornada de difusión da ferramenta informática AinfoVac, que xestiona todo sos procesos dunha explotación agrogandeira e distribúese baixo licenza libre (GNU/GPL). Esta xornada contou coa colaboración da Asociación de Usuarios de Software Libre de Melide (MeLiSA), e foi impartida por José Manuel Campos, director técnico de Ainfogra (Aula de Informática Agraria).
Un total de 15 socios e socias da Cooperativa puideron observar o funcionamento desta aplicación. AinfoVac xestiona toda a información que circula dentro dunha explotación, dende o control de gastos e ingresos, ata a xestión veterinaria do gando vacún, pasando pola conexión remota ao Control Leiteiro para envío e recepción de datos. Recentemente incorporouse un módulo que se pode instalar nun teléfono móbil con sistema Android, para a toma de datos ao lado das vacas, ou nas fincas que se estean traballando.
As persoas presentes na xornada amosaron o seu interese en incorporar esta aplicación na xestión das súas granxas, e formarán un grupo para poder asistir a un curso práctico, onde xa se explicará máis a fondo o uso desta aplicación. Todas aquelas persoas interesadas en asistir a esta formación, e que non puideron asistir a esta xornada de presentación, poden poñerse en contacto coa Cooperativa Melisanto para integrarse dentro deste grupo. O curso que se impartirá dende a Cooperativa terá carácter gratuíto para os socios.

MeLiSA colaborou na xornada de difusión de AinfoVac en Melide

PUBLICIDADE