As TIC e o software libre chegan ao Centro de Inserción Carmela Arias da man de Voluntariado Dixital

luns, 21 de outubro do 2013 Redacción

Hoxe luns botaba a andar na Coruña o terceiro dos obradoiros da iniciativa Tecnoloxía e Software Libre nos Centros Penitenciarios Galegos, unha proposta inserida no marco do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta en colaboración coa Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), para favorecer a inserción laboral dos internos a través das TIC. Cómpre engadir que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) é a encargada de promover esta idea que ten como meta achegar as novas tecnoloxías e o software libre a 70 reclusos dos sete centros penitenciarios existentes en Galicia.
Emporiso, esta iniciativa daba comezo en xullo -no Centro Penitenciario de Monterroso- e continuaba nas dúas primeiras semanas de outubro no Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño de Vigo. No entanto, o programa segue avante no Centro de Inserción Social de A Coruña Carmela Arias y Díaz de Rábago, no que seis internos recibirán formación en TIC e software libre de cara a promover a inserción laboral dos asistentes, achegándolles formación e práctica no eido das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e do software libre.
Dicir que as sesións formativas deste segundo obradoiro, que se inauguraba hoxe (21 de outubro), estenderanse até o 31 de outubro na aula CeMIT da Biblioteca Pública Miguel González Garcés, a cargo dun voluntario da Asociación Usuarios GNU/Linux de Ordes que compartirá o seu coñecemento cos internos.
E cal será a dinámica destes obradoiros? Pois para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionarase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formularase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.
Será no mes de novembro cando chegue ao seu fin o proxecto nos catro centros penitenciarios restantes: Teixeiro, A Lama, Pereiro de Aguiar e Bonxe.

PUBLICIDADE