As PEME de Pontevedra coñecerán este xoves as vantaxes da tecnoloxía galega eHabilis

mércores, 1 de outubro do 2014 Redacción

Pontevedra acolle este 2 de outubro unha xornada sobre social-learning para máis de 400 empresas da Asociación da Pequena e Mediana Empresa da cidade do Lérez (AEMPE). Ou sexa, unha xornada tecnolóxica sobre formación en colectividade con formatos informais e cunha arela de fomentar o intercambio de experiencias e o pulo interactivo. En realidade, do que se trata é de dar a coñecer a estratexia concreta da AEMPE para subir ao carro do dixital ás empresas da provincia, unha estratexia apoiada nun produto galego de formación social, eHabilis, que conta arestora con máis de 60.000 usuarios e presenza en sete países. Por certo que de eHabilis falamos recentemente en Código Cero, salientando que vén da man da firma galega Sdweb e que entre os seus usuarios atopábase a multinacional Accenture.
O acto deste xoves, que arranca sobre as 19.00 horas, celebrase nas instalacións da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (AEMPE), situadas na Rúa Virxe do Camiño (Pontevedra). Desenvolverase baixo o epígrafe Conectando coñecemento entre empresas e servirá para presentar o devandito proxecto formativo de AEMPE (encamiñado a dixitalizar as empresas da provincia e a fomentar a colaboración entre elas) e para explicar, tamén, “os fitos establecidos durante o período 2014-2015 en materia de formación áxil, interactiva e dixital en ámbitos tan diversos como a dirección e xerencia empresarial, administración e xestión corporativa, mercadotecnia, informática e TIC ou idiomas”.
O programa da xornada inclúe dous relatorios a cargo dos responsábeis da asociación. Estes relatorios poderán ser consultados vía web en directo a través dun sistema de videoconferencia. Abrirá o evento José María Corujo, presidente de AEMPE, que amosará en detalle o novo proxecto de AEMPE para mellorar as competencias dos profesionais que conforman as empresas, grazas á formación e comunicación permanente.
A continuación, Paco Álvarez, vogal da xunta directiva de AEMPE e profesional con ampla experiencia no TIC, dará conta das funcionalidades e vantaxes da plataforma de social-learning eHabilis.

PUBLICIDADE