As Cámaras presentan unha plataforma para axudarnos na busca de financiamento

venres, 26 de xuño do 2015 Redacción

Participantes na presentación celebrada na sede da entidade coruñesa

A Cámara da Coruña presentou os días pasados na súa sede unha iniciativa en liña destinada a facer máis doado o camiño cara ao crédito para PEME, autónomos e emprendedores. Falamos da plataforma dixital aprendeafinanciarte.com, unha iniciativa-programa de balde impulsada polas nosas Cámaras e que integra, no seu seo, a oferta de financiamento público e privado, amais dun acubillo para as novas metodoloxías de crédito en fase de asentamento (crowdfunding, crowdlending, micromecenado en liña en calquera das súas manifestacións).
O portal deuse a coñecer nun foro sobre novos xeitos de impulsar economicamente as nosas PEME, da man do presidente da Cámara da Coruña, Marcelo Castro-Rial Schuler, e Mar Pérez, directora Departamento Económico e Financeiro da Cámara de Comercio de España.
A web parte do seguinte obxectivo compartido das Cámaras: “Poñer ao alcance de empresarios e emprendedores instrumentos que permitan mellorar a cultura financeira, facilitando información e ferramentas para analizar os estados económico-financeiros e os niveis de risco crediticio das empresas”.
O coordinador da web, Francisco Estevan, fixo saber que se trata dun programa de balde creado polas Cámaras galegas e co-financiado pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Entre outras cousas, fornece aos seus usuarios (nun único acubillo) de asesoramento e información detallada das opcións dispoñíbeis e máis acaidas de financiamento. Igualmente, achega ferramentas de diagnose para coñecer a nosa situación financeira, o risco bancario ou para mellorar a nosa posición negociadora cos bancos.
Por certo que Galicia é a segunda Comunidade que se une a este programa, trala experiencia de Andalucía, cuxo programa conta xa con 17.000 usuarios.
Por certo que Aprendeafinanciarte.com será presentada novamente o vindeiro luns 29 pola Cámara de Comercio de Santiago, da man de Jesús Asorey, presidente da entidade compostelá, e Miriam Vicente, membro do Departamento Económico-Financeiro de Cámara de España. Tamén intervirá Francisco Jesús Ferreiro, doutor en Economía e profesor da Fundación E.U. de Relacións Laborais da Universidade da Coruña (UDC). A cita desenvolverase entre as 9.00 e as 13.30 horas na sede da Cámara (rúa San Pedro de Mezonzo 44).

PUBLICIDADE