Arrinca a Fase de Lanzamento do dominio .gal

martes, 16 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Manuel González animou a todas as persoas e entidades que teñen algún dereito sobre o seu enderezo de Internet a aproveitar a oportunidade de rexistralo baixo o dominio .gal de xeito preferente.Esta mañá presentouse na sede da Real Academia Galega (RAG) na cidade da Coruña a posta en funcionamento da Fase de Lanzamento do dominio .gal, deseñada para que grupos con dereitos preferentes poidan solicitar dende hoxe o seu nome de dominio co sufixo .gal sen ter que someterse ao criterio de orde de chegada que imperará cando os dominios galegos entre nas súa Fase Aberta no mes de decembro.
Durante o acto de presentación, o presidente de PuntoGal animou a todas as persoas e entidades que teñen algún dereito sobre o seu enderezo de Internet a aproveitar a oportunidade de rexistralo baixo o dominio .gal de xeito preferente. O Presidente, tamén membro da Real Academia Galega, Manuel González dixo que "estamos convencidos de que nestes próximos meses se sumarán todos os dominios da administración autonómica, da administración periférica do Estado, de todos os sindicatos, de todos os Centros de Ensino, de todas as Academias, de todos os colexios e asociacións profesionais, dunha parte importante das nosas empresas e comercios, das asociacións culturais de base, de todos os concellos de Galicia". González e De Lorenzo tamén agradeceron á Real Academia Galega o apoio prestado no proceso de solicitude do dominio .gal, e a súa axuda na organización desta presentación, na que tamén participou Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.

Fase de Lanzamento: Abrente

A Fase de Lanzamento está formada pola posta en marcha dos programas Abrente e Carreira. A directora xeral de PuntoGal, Edita de Lorenzo, explicou que dentro do Abrente, pódense solicitar dominios dentro de cinco categorías:
1.- Marcas validadas na Trademark Clearing House (TMCH), unha base de datos de marcas internacionais establecida por ICANN, o organismo que goberna as direccións da Internet.
2.- Marcas do TMCH que non cumpran cos requisitos para usar un .gal, pero queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, aínda que non activen inicialmente a súa páxina baixo os requirimentos de dominio .gal.
3.- Administracións públicas de calquera ámbito con competencia en Galicia e entidades de promoción da cultura e da lingua galegas. Institucións e entidades (consorcios, axencias, comisións, fundacións, asociacións etc.) poderán solicitar, entre outros, nomes xeográficos con relevancia, os propios nomes das entidades, o dos seus servizos en liña e as súas marcas rexistradas.
4.- Marcas rexistradas a calquera nivel con validez en Galicia. Tamén as denominacións de orixe rexistradas.
5.- Calquera que tivese ata agora unha web, un portal web etc, e veña promovendo a cultura galega e utilizando a lingua galega nas súas comunicacións en liña baixo outro dominio pode solicitar o seu propio nome ou o nome dos dominios rexistrados e usados.
O prazo de todas as categorías do Abrente remata o 18 de novembro, salvo a categoría 3, que remata o 25 de novembro. No caso de se presentaren varias peticións para o mesmo dominio, terá preferencia o solicitante pertencente a unha categoría superior, tal e como obrigan as normas da ICANN.
Os prezos base varían segundo a categoría. A Asociación PuntoGal fixo un esforzo para que poidan gozar dun prezo menor aqueles que promocionan a cultura galega e xa apoian o idioma empregando o galego na Rede e as Institucións e entidades que teñen un papel na súa promoción. Por iso as categorías 3 e 5 partirán dun prezo base aproximado de 50 euros por dominio por ano. Seguindo a mesma lóxica, no Abrente o prezo base máis alto, 170 euros, é para a categoría 2, as marcas que queren defender o seu dominio pero que non van contribuír á promoción do galego na Rede usando o .gal . As categorías 1 e 4 teñen un prezo intermedio, 65 euros.
Con todo, o prezo final para o consumidor non o fixa PuntoGal, senón os rexistradores acreditados por ICANN, as empresas comercializadoras finais. Os prezos citados aquí son polo tanto prezos base e aproximados, cada rexistrador pode realizar libremente ofertas diferentes. A Asociación publicará unha lista de rexistradores acreditados na súa web, para que os interesados poidan escoller o rexistrador que máis lles conveña.

Fase de Lanzamento: Carreira

Manuel González animou a todas as persoas e entidades que teñen algún dereito sobre o seu enderezo de Internet a aproveitar a oportunidade de rexistralo baixo o dominio .gal de xeito preferente.

E que pasa con aqueles que queren rexistrar un .gal xa pero o dominio que lles interesa non cae en ningunha das categorías do Abrente? Tamén poden solicitar o dominio dende hoxe. Iso si, farano a través dunha subfase cun nome diferente, Carreira, e cun prezo base superior, 170 euros.
Os que decidan participar na Carreira teñen as vantaxes de aspirar a facerse con calquera enderezo .gal sen ter que agardar ao mes decembro. Daquela será, cando se abrirá o último prazo, a Fase Aberta, un período sen restricións e cando se adxudicarán os dominios por orde de chegada da solicitude.

Data de activación dos novos rexistros

Os solicitantes deberán indicar na súa solicitude a cal das categorías optan e motivar a súa clasificación, tendo en conta que as de maior rango terán prioridade sobre as de menos rango. Todas as peticións entrarán nun proceso de estudo previo antes de poder activarse, polo que as solicitudes recibidas e aprobadas non será posible activalas normalmente antes do día 2 de decembro.

PUBLICIDADE