#Arrinca Compostela acollerá a presentación de cinco proxectos innovadores

martes, 6 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

Un intre da edición de Arrinca en Narón, fotografado por Diego Silva

A edición compostelá de #Arrinca, da que falamos onte dando conta da súa data de celebración (os días 9 e 10 de maio) e dos seus obxectivos, servirá de acubillo á presentación de cinco proxectos, todos eles en maior ou menor medida moi relacionados coas novas tecnoloxías da información (como ferramentas de traballo, como acubillo da actividade e incluso como fin en si mesmo). Como lembraremos, do que trata Arrinca é de achegar, durante un día e medio, un escenario para o traballo en equipo que implicará aos responsábeis directos dos ditos proxectos, a emprendedores en xeral que queiran ampliar a súa formación e aprendizaxe de cara a pór en marcha cadansúas iniciativas, e tamén a asesores e mentores que axuden a uns e outros a enfiar un rumbo axeitado.
Os proxectos que se presenta en Arrinca, no espazo Doutro Xeito Coworking de Santiago, son os seguintes:
-O Creatorio, lugar en Internet que reúne a todos os creadores galegos para amosar a súa obra.
-Tuxa Cabuxa, tenda en liña de confeccións “ao gusto”.
-Merillotes, espazo para a acción e a transformación social a través de linguaxes artísticas.
-Vou Contigo, proxecto de servizo de asistencia persoal.
- Acotea, comparador tecnolóxico de servizos relacionados coa arquitectura.
Segundo nos contan dende Doutro Xeito (organizadores do evento), ao longo deste obadoiro emprendedor traballarase en equipo para pór en marcha as devanditas iniciativas, contándose co apoio de persoas especializadas en empresa, deseño de produto, redes sociais ou asesores fiscais, e todo a través da metodoloxía de traballo Canvas. Ao a final das xeiras de asesoramento e intercambio de puntos de vista, haberá unha rolda de conclusión para verificar o avanzado.

PUBLICIDADE