Arredor de corenta profesionais participaron en Vigo nunha xornada sobre deseño intelixente

luns, 20 de outubro do 2014 Redacción

Preto de corenta empresarios e emprendedores asistiron o pasado venres, no Centro de Negocios de Porto do Molle, en Nigrán, á xornada Design Thinking: alicerces, ferramentas e simulación práctica, organizada pola Factoría de Innovación de Vigo. Durante esta sesión, Adrián Rial e Fernando Álvarez deron a coñecer aos asistentes en que consiste a metodoloxía Design Thinking e como se pode aplicar para innovar en procesos e produtos mellorando o seu posicionamento no mercado. “Trátase”, dixeron, “dun modelo no que se emprega o coñecemento e a empatía para que as necesidades dos clientes sexan resoltas mediante solucións que lle acheguen valor engadido”.
Segundo explicaron, o 40% das innovacións que se expoñen non teñen éxito porque non satisfán as demandas dos usuarios. “Isto débese a que, ou ben non se identificaron correctamente cales son, ou porque, aínda coñecéndoas, non cobren as expectativas dos clientes”, engadiron. Para evitar este resultado, recomendaron aplicar o proceso de design thinking como método de traballo tendo en conta os principios da innovación sustentábel: buscar solucións que cubran unha necesidade, que poida facerse posíbel coa tecnoloxía existente e que sexa viábel no económico. Para a súa aplicación, informaron, identifícanse tres fases: inspirar, idear e implementar. Asemade, fixeron saber que esta metodoloxía está a ser empregada por xigantes do eido TIC como Apple ou Google, ou ben por PEME de todo o mundo centradas no ámbito da innovación e as novas tecnoloxías.
Para comprobar como se desenvolve, os asistentes crearon grupos de traballo que aplicaron estes principios para a creación dun mando a distancia innovador. Ademais, representantes da compañía TokApp School explicaron a súa experiencia tras a incorporación de esta metodoloxía ao seu modelo de negocio, reformulando a súa idea inicial e pondo en marcha un produto innovador con resposta positiva no mercado: unha aplicación móbil dirixida a conectar os centros de ensino coas familias dos alumnos.

PUBLICIDADE