Arranca o programa capacitación tecnolóxica Faite Dixit@l

luns, 22 de setembro do 2014 Redacción

Hoxe comeza a súa andaina un programa do que falamos recentemente en Código Cero salientando que se dirixe, a través dunha serie de obradoiros, a encher os posíbeis baleiros tecnolóxicos e dixitais dos nosos currículos e da nosa experiencia formativa e profesional. A idea: fortalecer as nosas posibilidades de atopar traballo ou de xestionar mellor a nosa iniciativa empresarial. A andaina de Faite Dixit@l, así se chama o programa do que estamos a falar, comeza coas actividades Programación para dispositivos móbiles, cunha duración de 30 horas en horario de mañá, e Innovación Social, polas tardes e durante 25 horas. Nestes dous primeiros obradoiros inscribíronse 18 aulas da rede CeMIT, que ofertaron 125 prazas para a súa realización. As actividades poderán seguirse a través de multivideoconferencia.
Este itinerario de capacitación tecnolóxica, como dixemos, vén da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración con Academia Postal e Fundetec. O obxectivo, sinalaron na súa presentación, é “ofrecer aos participantes ferramentas para favorecer a súa empregabilidade, potenciar o emprendemento en materia tecnolóxica e a adquisición de novas competencias dixitais”.
Segundo informa AMTEGA, os usuarios inscritos poderán coñecer aspectos básicos e avanzados da programación e uso de dispositivos móbiles na actividade de mañá, e os fundamentos para o deseño e execución de programas de innovación social no caso da de tarde.
O proxecto Faite Dixit@l! abrangue actividades até o mes de decembro, incluíndo bloques temáticos sobre ferramentas web 2.0, estratexias de mercadotecnia en liña e comercio electrónico, uso da identidade dixital e servizos electrónicos das administracións públicas. Está programada tamén a realización de dous seminarios de expertos, e dúas xornadas de exposición de casos de éxito e boas prácticas.
Segundo engade AMTEGA, para falar de Innovación Social coas TIC como base deseñouse un PechaKucha, que é un modelo de exposición con presentacións creativas de curta duración dirixidas a fomentar o diálogo e o intercambio de ideas. O seu desenvolvemento está previsto para mediados do próximo mes de outubro.
As seguintes actividades de Faite Dixit@l! programadas serán a segunda quenda do módulo de capacitación sobre Innovación Social, con inicio previsto o día 1 de outubro, e a de Configuración de dispositivos móbiles, que dará comezo o 6 de outubro. Este día, ademais, iníciase o prazo para a presentación de traballos ao Concurso Faite Dixit@l! de aplicacións para dispositivos móbiles, que contempla un premio tecnolóxico para o gañador.

PUBLICIDADE