Áreas e Abertis achegan Wi-Fi de balde nas áreas de servizo dunha serie de autoestradas

mércores, 1 de abril do 2015 Redacción

Semella que o servizo Wi-Fi para as autoestradas estatais vai camiño de ser unha realidade. Ou polo menos unha realidade para algúns condutores, os que teñan o privilexio de circular por determinados treitos en renovación da rede viaria. Segundo puidemos saber, Áreas e Abertis veñen de rematar un proxecto que incluíu a integración dun tecido Wi-Fi de acceso público e de balde nas áreas de servizo de diferentes autoestradas de ámbito estatal. O obxectivo, amais de achegar un mellor servizo, é impulsar o uso destas vías. Buscouse tamén, en palabras de Abertis e Áreas, “adaptar a actividade destes espazos aos novos hábitos dos condutores usuarios”. Os traballos abrangueron tamén labores de redeseño e modernización.
O proceso iniciouse en 2011 e en verdade culminará nuns meses. Supuxo un investimento de 12,78 millóns de euros por parte de Áreas. Ao longo de 2011 renováronse as áreas da autoestrada AP-68 Zaragoza-Bilbao. En Cataluña habilitáronse novos espazos en Empordá e Montseny, os dous pertencentes á AP-7, en Lleida (na AP-2) e en Aragón, máis en concreto en Monegros e atinxindo á AP-2. As dúas compañías sinalan que nuns meses estarán rematadas as reformas dos espazos de lecer e La Jonquera, La Selva e Montcada, todas elas da AP-7. Estes traballos significarán o remate do plan de reforma.
Estes novos emprazamentos de servizo permitirán acceder a Internet desde o computador portátil ou o dispositivo móbil sen gastar datos da nosa tarifa.

PUBLICIDADE