Arde a batería dun Note 2 nun voo na India

venres, 23 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Imaxe do Note 2 sospeitoso de terse incendiado durante o voo na India

Nas últimas semanas Samsung non o está a ter moi doado á hora de enfrontarse aos problemas de imaxe ocasionados polos defectos de fabricación de boa parte das baterías do Galaxy Note7, pero a situación parece estar a tornar en surrealista, con liñas aéreas prohibindo o uso de smartphone Galaxy Note en cabina, ou numerosas notas de prensa de autoridades que non detallan que o único móbil afectado polo defecto é o Galaxy Note7 (e non os S7 e S7 edge), e a estas informacións súmaselles agora a dun Galaxy Note 2 que ardeu durante a aterraxe en Chennai (India) dun voo procedente de Singapur.
Dende a Dirección Xeral de Aviación Civil (DGCA) aseguran que viron fume dende os porta-equipaxes de cabina, e ao responderon cun extintor e somerxendo o móbil en auga no aseo. A aterraxe puido realizarse con normalidade, pero agora as autoridades están a esixir que os móbiles Galaxy Note teñan que apagarse ante de cada voo, e incluso esixen unha xuntanza con Samsung sobre o asunto.
Resulta bastante rechamante o acontecido, principalmente polo que parece unha grande falta de rigor por parte da DGCA, que non parece ser consciente de que o Note 2 é un móbil de hai 4 anos, que hai tempo que Samsung non comercializa, polo que é máis que probable que funcionase cunha batería non oficial, o que faría que a alarma que están a provocar na India estivese totalmente inxustificada (especialmente porque nos últimos 4 anos non se rexistrara ningún caso semallante).

PUBLICIDADE