Apple vende o seu iPhone mil millóns

xoves, 28 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Os últimos resultados económicos trimestrais de Apple, pese a ser moi bos, marcan unha tendencia preocupante para a evolución da compañía, xa que tería rexistrado unha redución interanual de vendas en todas as súas liñas de produto, o que no conseguiu compensar o seu crecemento na división de servizos (con cada vez máis peso), dando a impresión de que a compañía da mazá tocou teito, o que resultaba evidente que tería que chegar cedo, xa que o mercado no pode estar medrando de xeito ilimitado e a capacidade de absorción de dispositivos de alta gama non pode medrar eternamente, resultando bastante curioso que este punto de inflexión se rexistre agora, a poucos días do momento no que se estima que Apple vendeu o seu iPhone número 1.000 millóns (volume impresionante especialmente se temos en conta que a barreira dos 500 millóns superouse hai un par de anos, de aí que a caída de Apple haxa que mirala con certa perspectiva).
Tim Cook, director xeral de Apple, declarou ante os seus empregados que “o iPhone converteuse nun dos produtos de máis éxito, importancia e impacto da historia. Converteuse en máis que un compañeiro constante, o iPhone e realmente unha parte esencial da nosa vida diaria e permite moito do que facemos ao longo do día”.
Volvendo aos resultados trimestrais da compañía de Cupertino temos que globalmente caeu en ingresos un 15%, sendo especialmente preocupante o caso chinés (onde caeu un 33% pese a ser un mercado no que Apple entrou hai pouco, e que pasou de ser o segundo mercado despois do norteamericano para quedar detrás de Europa), e analizando os resultados por dispositivo temos que se mantén a caída de vendas do iPad (9%) que agora vén acompañada pola caída de ordenadores persoais (11%) e de teléfonos (15%), aínda que no caso dos ordenadores persoais podemos matizar a saúde de Apple na venda de equipos informáticos é moi superior á dos seus competidores, xa que é o mercado xeral o que está a contraerse.
Un detalle a salientar é que neste último trimestre a división de servizos de Apple facturou 5.976 millóns de dólares, superando á división de Mac (5.239 millóns), deixando clara a boa decisión de Apple ao apostar a longo prazo por ir máis aló da venda de produtos.

PUBLICIDADE